martes, 4 de febreiro de 2014

Apuntes de Toponimia do Concello de Mañón


A toponimia do concello de Mañón é un reflexo da rica macro e micro historia das poboacións que aquí se asentaron e medraron.
Xa que logo, atopamos desde innúmeros topónimos de orixe prerromana, entre os que temos os ríos Sor e Sar, o do mesmo Maañón, o de Vares (antiga Uaris). De aí pasamos aos de orixe romana e seguimos cos ecos de antigas uillae, como Sión, Segade ou Sande, nomes de tradición xermánica. Aínda aparece algún de posible orixe árabe, como a Arrufana ou a Alcaira, talvez ligado a fuxidos mozárabes que escaparon para o confín norte da Península.
Os enigmas do "Sartego" ou os "Moementos" tamén resoan na toponimia do concello.

A páxina achega, pois, este percorrido, en orde alfabética, que pretendemos sexa usado como material de consulta para aqueles que tivesen interese polo que hai agochado tras dos nomes dos lugares.

Nota: non reproducimos a lista exhaustiva, excluímos aqueles con significado transparente.
_________________________________________________

ABELEDO (As Grañas do Sor)
ABELEIRAL, O (As Grañas do Sor)
Os  termos "abeleiral" e "abeledo" indican un terreo onde abundan as abeleiras.

ADRA DA BOUZA, A (As Grañas do Sor)
Unha "adra" é "a parte que correspondeu a cada veciño cando se dividiu un monte comunal". Neste caso sería a parte obtida dunha bouza (=terreo que está a monte, matorral, terra inculta). Cf. aquí.

AGRELAS (Bares)
Forma en diminutivo plural de "agra", co antigo diminutivo en -ela.
Unha "agra" é definida polo dicionario como "finca labrantía de certa extensión e cha, ou conxunto de heredades labrantías, xeralmente de varios donos, cerradas de arredor". Cf. DdD,
O sistema tradicional de parcelamento en agras consistía na división de parcelas agrupadas en bloques ou conxuntos, tendo cada un destes bloques ou "agra"  un peche exterior comunal. Nas agras, as parcelas eran alongadas e delimitadas por marcos.
Xeralmente, as agras pechábanse despois da sementeira e abríanse cando a colleita. Deste modo,  protexíase da entrada do gado e dos consecuentes danos nos cultivos. O peche era por unha cancela. As parcelas tiñan servidume de paso, que permitía sementar por orde.  O peche das agras podía ser temporal mediante acumulación de terróns ou por sebes de ramas entrelazadas de toxo e xestas, ou permanente con muros de pedra (cf. S. Calvo, G. Méndez e R. A. Díaz, 2011.  “Los paisajes culturales de agras en Galicia y su dinámica evolutiva” in "Ager").

AGUIEIRA, A (As Grañas do Sor -lugar da Aguieira) 
Alude a un lugar frecuentado polas aguias ou onde aniñan. Pode tratarse dunha referencia metafórica, aludindo á situación e orografía do lugar.

AGUIÚNXOS, OS (As Ribeiras do Sor)
Diminutivo de aguia. Rereriría, por tanto, a un lugar onde costuman aniñar ou parar estas aves. Posiblemente sexa nun sentido metafórico, aludindo a altura ou penedos do lugar.
Hai outro "Aguiúnxo" en Cariño.

 ALCAIRA, A (As Grañas do Sor)
Podería estar relacionado co árabe alqaríyya, en portugués alcaria, e en castelán alcairía ou alquería. Existe en Coriscada (NE de Portugal) o nome "alcaira", ao que se atribúe unha orixe referida a "casa campestre para gardar instrumentos de laboura" (cf. aquí e aquí).

Aínda que improbable, pode ter relación con "alqueire", medida de capacidade e de superficie ampliamente usada en Portugal e no sur de Galiza chamado "alqueiro" (cf. DdD). No entanto, parece que "alqueire" non comezou a empregarse ata o S. XII  e derivaría do árabe "alqueile"(cf. Viterbo, "Elucidário ..").

Aínda que máis improbable, podemos pensar en que teña a orixe no apelativo "algaria",  que figura no dicionario de Aníbal Otero como "úsase só en frases do tipo: Mole coma a algaria; cocido coma a algaria, para indicar que algo está moi brando". Podería, xa que logo, referirse a un terreo mol, brando. Como topónimo atopamos "A Veiga da Algaria" en Adelán (Alfoz), Igualmente improbable, podería tratarse un zoónimo: Constantino García recolle para "algaria" a acepcion de "garduña", e Rivas Quintas, para "algaria" e "algaira" a de xineta "Gineta, especie de gato montés grande y de cola muy larga que todavía hay por estos montes", o cal tamén podería encaixar nun topónimo. 

Semella en calquera dos casos que tería orixe árabe, tal como ocorre para "A Arrufana", tamén nas Grañas do Sor. Hai un "Alqueira" en Lousame (A Coruña), que podería estar relacionado.

ALIMPADOIROS DE RIBA (Mañón)
Este topónimo remitirá ao lugar, xeralmente unha aira, común ou particular, onde aventaban o cereal despois de o mallar co mallo. Este aventamento era realizado para separar a gra da casca e do po.
O lugar debía ser ben soleado e aireado para facilitar o aventamento. 

ALLICAS, AS (As Grañas do Sor)
Sitio onde nacen as allicas. A "allica" é unha planta, unha especie de lirio. Cf. DdD

ALTO do SAIÑAL, O (Mogor)
Ver "As Leiras do Saiñal".

ANIDO (Bares)
O topónimo "Anido" ten unha orixe na hidronimia prerromana, formado en base a un tema *an(n)-. Este tema foi estudado por Bascuas (cf. pp. 429-431 de E. Bascuas, "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses" 17), que o vincula co radical céltico *an- ‘poza, pantano, lama’, do que deriva o galo anam ‘charco, poza’ ou o topónimo Guadiana (< wadi Ana).
Dada a terminación no sufixo "-ido", abundancial, podería indicar un lugar onde abundan as "pozas", e de feito é o nome dun rego.

Este tema an(n)- é frecuente na toponimia galega, así Ares(< *an-aris), Ar(< *an-are).
É importante notar tamén a existencia do topónimo "Aneiros", que parece confirmar a "anido" como abundancial de "aneiro". Este abundancial non cremos que sexa de planta, pois -ido non sempre indica abundancial de planta, e.g. "pedrido".
Cabeza Quiles propón unha orixe en "ameneiro" > *amneiro> aneiro (do mesmo modo que somnu> sono (cf aquí.), non o cremos probable, dada a existencia de topónimos como "Anero" en Cantabria, onde correspondería un **Añero.

Finalmente, cremos que outros topónimos tales como "Anilleiro", "Anilleira" poden ter tamén a mesma orixe temática.
"Anido" é un topónimo frecuente en toda a Mariña (As Negradas, A Rigueira).

ANIVERSARIA, A (Mañón)
O termo "aniversaria" é sinónimo de "aniversario", e probablemente alude a que o lugar foi deixado en herdanza coa obriga dunha renda anual, a pagar nunha determinada data do santoral.
En efecto, era relativamente frecuente que os testamentos establecesen a obriga anual aos herdeiros, de dar misas de "aniversaria" polo finado, ou esmola aos pobres, e incluíndo tamén por veces a cesión de foxa para o enterramento, na igrexa ou no camposanto. Por veces esta obriga quedaba en forma dun foro ligado ao terreo testado. Esta tradición, co mesmo nome, deuse non só en Galiza senón en Portugal (cf.Viterbo, "Elucidário .." s.v.  "anniversaria"), ou en Asturias (cf. aquí), etc.

Aínda que nos dicionarios actuais de galego non figura "aniversaria", si figura no galego medieval, tanto "aniversaria" como "universaria". Así por ex. en 1284 "sobre razon da uniuerssaria... por razon da uniuerssaria" (cf. R. Lorenzo, 1977, "La traducción gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla". Vol. II).
Tamén figura no portugués medieval, así en 1314 "hajão os conegos huum maravidil cad' anno por nossa anniversaria" (cf. s.v. Viterbo, "Elucidário").

É un topónimo relativamente frecuente en Galiza, así dáse en Ribadeo, Burela, Mañón, As Somozas, San Sadurniño, Ferreira, etc.

ARDELEIRO (Bares)
O termo "ardeleiro" defíneo o dicionario como "defensor" (cf. DdD), o cal podería encaixar como alcume ocasional neste caso. Contodo, dada a relativa frecuencia de "Ardeleiros" na toponimia galega, parece moi improbable esta orixe.
Por outra banda, Bascuas estudou o elemento hidronímico paleoeuropeo *ard-, dentro da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse' (cf. p. 58 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). Se observamos os topónimos Ardeleiro(s),  a maioría  teñen relación con hidrónimos: Muíño do Ardeleiro en Cerqueda (Malpica de Bergantiños), praia Ardeleiro (Carnota), Fonte de Ardeleiros e Lavadoiro de Ardeleiros, en Lousame, atestados no Tombo de Toxos Outos no S. XII como Ardiliario e Ardileyra (cf. aquí)
Alternativamente, aínda que improbable, podería estar en relación co céltico ard 'alto', similar ao latín arduus 'empinado, escarpado'. No entanto, xa E. Bascuas indica que non está demostrada a difusión de tal termo na Gallaecia.

Por outro lado, Monteagudo asígnalle a un topónimo "Ardeleiro" de Pontedeume o significado de "bouza, mato" (cf.L. Monteagudo, 1984. in Anuario Brigantino), en base ao termo do franco-latín ardillaria rexistrado por Du Cange (cf. du Cange, et al., "Glossarium mediae et infimae latinitatis"). No entanto, non está atestada a difusión de tal termo na Gallaecia,.

Ademais dos múltiples "Ardeleiro", atopamos Ardilar en Samos e Ardilosa en Cedeira, así como varios "Ardilleiros" e o lugar de "Os Ardelleiros" en Burela, e "A Ardilleira" en Castro de Rei e en BoqueixónExiste en Muras unhas "Penas Ardiñeiras", talvez da mesma raíz. Así mesmo, Navaza recolle "Ardereiras" en Chandrexa, que cremos podería ter a mesma orixe.
Finalmente indicar que existe "O Alderido" na Estrada, que podería indicar abundancial de aldereiro, co que apuntaría para un topónimo. No entanto, aínda levando artigo, non se pode descartar que Alderido derivase do nome medieval Alderetus (de feito está atestado Alderitiz, cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

ARGANZO (As Grañas do Sor)
Derivado dun *Argantio. É de orixe pre-romana, tanto a raíz *arg- ("brillante", emparentada co céltico *argant-), como o sufixo adxetival "-antio". Podemos por tanto aventurar para Arganzo un significado do estilo "terreo que brilla". Cf. aquí.
Ver a entrada específica no blog Pena da Cataverna para máis detalle.

AROVELLO (Mañón)
Este nome de núcleo de poboación podería derivar de "Aro Vello", "Agro Vello" ou de "Adro Vello", aínda que non coñecemos da existencia de capela ou igrexa antigamente nese lugar.
Probablemente o significado de "Aro" estea relacionado co elemento prerromano *ar-, da raíz indoeuropea *er- 'fluír', presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" da comarca.
Ver a entrada específica de blog A Pena da Cataverna para máis detalles.

ARREDOALLOS, OS (Mañón)
Probablemente derivado de "arredor", co significado de contorna, arredores, terreos que rodean.

ARRUFANA, A (As Grañas do Sor)
Segundo Gonzalo Navaza,  os termos "arrufana" e "arrifana", poden ser derivados do apelativo árabe ar-rayhan, referido á planta da familia do mirto  (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").
Partindo da existencia deste topónimo, poderíase pensar nunha influencia (posíbel inmigración ou repoboación?) mourisca ou mozárabe. Non sería un caso illado: así por exemplo no viciño Ambosores atopamos o lugar "O Mouriscón", ou "Mouriscos" en Fazouro. Esta orixe no léxico árabe tamén podería ocorrer nos casos doutros topónimos deste concello, como "A Alcaia" e "A Alcaira" (e lembremos tamén o "castro das Alcaiás" en Montoxo, Cedeira).
Existen outros topónimos "Arrufana" en Marín e en Mos (Pontevedra), así como un "Arrifana" en Ramirás (Ourense). Hainos tamén en Portugal.

Alternativamente, podería ser derivado do verbo arrufar, e corresponder cun alcume de "a fachendosa", "persoa con ira". O sentido despectivo, xa recollido nas Cantigas de Santa María. No século XVIII, Sobreira rexistra o termo 
                      arrufaynado : "o que anda garifo, alegre e contento".
A terminación -ana parece confirmar ese sentido despectivo, aínda que o elemento "-ana" tamén está relacionado noutros casos con apelativos de orixe prerromana, tais como "pestana", "cabana", "choupana" 'choza", e aínda "arribana" ‘choza’, así como "sibana", que Viterbo define como ‘barraca, choupana, tenda de campo, palhoça, cabana’.

ÁSPERA, A (Bares)
O termo "áspera" ou "aspra" refire a terreo de bouza, ou terreo escarpado, alén do significado relativo a "terreo áspero". Viría de "(terra) áspera", ou incluso do latín "aspera loca" (cf. p. 306 de A. Moralejo, 1977. "Toponimia gallega y leonesa").
É un topónimo frecuente en Galiza. Hai outro próximo nas Negradas.

ATRAVESADAS, AS (Mogor)
Fincas cunha disposición transversal ás outras.

AVESÍOS, OS (As Grañas do Sor)
Indica un lugar sombrío, na cara norte.

AVESURA, A (As Grañas do Sor)
É un topónimo moi abundante en Galiza, aínda que con significado incerto. Posiblemente derivado de "vesar", "arar profundamente, virando a terra, de modo que a tona e o terrón vaian para o fondo do rego" (cf. RAG).
Alternativamente de "avesura", relativo a lugar vesío.

AZOR, O (Mañón -lugar do Azor)
O lugar de Azor está situado perto do río. É un topónimo frecuente en Galiza e Portugal.
Como indica E. Bascuas, aínda que posiblemente estes topónimos non correspondan con outra cousa máis que con "azores", no entanto, tamén é posible que derive dun termo prerromano *Apsore, derivado do tema *aps-, basado na raíz indoeuropea *ap- 'auga'. Cf. p. 184 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

BALEARTE, O (Bares)
O termo "Balearte", co cal é designado un illote na costa de Bares, é de orixe incerta.
Podemos aventurar unha orixe un tanto estraña pero explicable: do euskera bale-arte, cun significado de 'entre as baleas'. Ver entrada do blog  A Pena da Cataverna para máis detalles.
Para datos locais sobre a pesca da balea, ver "O Coído da Atalaia".

Alternativamente, podería proceder dun apelativo "baluarte", quer pola forma do illote ou por un significado metafórico de "amparo, defensa", tal como ocorre en varios topónimos "Baluarte", en Cospeito, en Cambre, en San Sadurniño.

BALSEIROS, OS (As Grañas)
O topónimo "balseiro" refire a un terreo cuberto de balsas ou charqueiras. 
Tamén pode remitir ao apelido ou alcume "Balseiro", dos posesores destes terreos.
Os dicionarios tamén recollen a acepción do que ten o oficio de "conducir unha balsa para cruzar o río", cousa que non encaixa dado o contexto do lugar.

BARALLOCA, A (Mogor)
A interpretación deste topónimo é controvertida, dadas as múltiplas acepcións que ten "baralla", da cal deriva.
En Galiza atopamos unha chea de "A Baralla", "As Barallas", así como  as formas diminutivas "Baralloá", "Baralló" e "Baralloca", o que demostra que era un apelativo de uso común antigamente.
Segundo M. Pidal, derivaría do latín varalia 'sebe de varas'. Esta etimoloxía  parece  encaixar sendo un topónimo frecuente.
No galego medieval, e aínda conservado, "baralla" tiña o significado de "rifa, disputa".  Algúns autores  interpretan que se referiría a lugares onde xurdiron litixios pola súa propiedade ou usufruto. Porén, parece haber excesivos topónimos "Baralla", e semella unha excesiva cantidade de "rifas". Amais diso, non encaixaría nalgúns deles, como os mencionados Baralloca e Barallobre. Tampouco encaixarían ben outros "O Baralló". O profesor Bascuas tamén interpreta así o caso de "Baralláns".
A interpretación de orixe prerromana tamén é plausible, tendo en conta a existencia de Barallobre e de Baralloca. Aínda que  Barralloca non fose citado por Bascuas dentro dos topónimos con orixe na  raíz indoeuropea *war- 'auga', podería ter esa orixe. Apoiando esta hipótese, reparamos no típico sufixo prerromano -okka > -oca, ou tamén "Barallobre", coa terminación -bre que se asocia ao celta -briga 'fortificación'. 

Por outra banda, ao estar este topónimo na beiramar  podería referirse ao peixe dese nome, parecido ao pinto. Aclárame un colega que a situación precisa deste topónimo é no final do Sarridal, despois de Fornos, xa contra Céltigos.

BARBEITA (Mogor)
De "(terra) barbeita", do latín vervacta. O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".
Os topónimos Barbeito e Barbeita son relativamente frecuentes na toponimia galega, así temos outro Barbeita no veciño concello de Ortigueira.

BARCIA, A (varios, en Mañón, As Grañas, etc)
Unha barcia é un terreo chan e cultivado, un campo chan (cf. DdD), moitas veces ao pé dun río. 
Canto á súa orixe, a serie Barcia/Varcia/Barxa foi detalladamente analizada por Bascuas. En efecto, Bascuas pón de manifesto o "absoluto predominio" da documentación antiga como varcena e despois varcia, en canto que a representación con "b" foi excepcional. Por isto e outras razóns, deriva "Barcia" e "Barxa" dunha forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- 'auga'; non lle dá orixe celta, ao non estar tal raíz extendida no celta (cf. pp. 154-155 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").

BARCÓS, OS (Mañón)
Posiblemente se trate dun aumentativo de "barco", no sentido metafórico da orografía do terreo. Tanto este "Barcós" como o de Cabanas (O Vicedo) son núcleos de poboación e están situados nun lombo entre encostas pronunciadas, polo que si semella ter sentido orográfico.
Por outra banda, Bascuas non descarta tampouco unha orixe hidronímica nunha forma *war-ko, a raíz indoeuropea *war- 'auga, húmido'. Así, este sufixó -ón sería de orixe prerromana, frecuente na hidronimia. Cf. p. 167 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

BARES (Bares)
Bares é mencionado como Uaris en varios documentos medievais, o primeiro deles un documento do rei Ordoño II do ano 916:
          "...regali mee dictioni obedire striti sunt et aliam uillam nomine Uaris cum familia sibi pertinenti per terminum de aqua de ectario." (cf. CODOLGA)

Atendendo á forma atestada medieval "Uaris", parece clara a orixe nunha forma pertencente á hidronimia paleoeuropea, derivada da raíz indoeuropea *awer- 'auga, mollar, chover, fluxo'Esta orixe hidronímica é a mesma que a do topónimo "Vara", para o que E. Bascuas lle asigna esa procedencia (cf. p. 91 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 
Xa que logo, forma parte da serie de topónimos "Baraza", "Baroña", "Baralla", "A Vara", e posiblemente tamén "Punta Varenta" (Cariño).

Por outra banda, débese descartar totalmente unha orixe na raíz indoeuropea *bhar– 'proxección, punta' citado por Pokorny (IEW. 1959). A razón é moi simple: dado o feito de estar atestado como "Uaris" no 916, e tendo en conta que nesa época non había confusión na pronuncia do "v" fronte á do "b" (menos aínda no comezo de palabra), sería imposible tal orixe, pois terían escrito "baris" e non "uaris" (pronuncia /varis/). 
Pola mesma razón debemos rexeitar unha orixe no elemento prerromano *bar- 'altura, depresión'.
Xa que logo, cremos que debería restituirse a transcrición "Vares" para este topónimo.

BARONCELLE (Mañón)
De *(uilla) Baronzelli, forma en xenitivo de Baronzellus, nome dun antigo posesor, nome de orixe posiblemente xermánica (cf. M. Costa Frornarea).

BARRAGÁN, O (As Grañas do Sor)
Probablemente este topónimo derive do alcume dun antigo posesor do terreo. O termo "barragán", existente tanto en  galego, portugués e en castelán, indicaba "home novo, forte", e despois tamén pasou a ter un significado de "home que vive en "concubinato", maiormente en portugués (cf.Viterbo, "Elucidário .." s.v.  "barragão" e "barregãa").

BARREIRA DA CONDOMIÑA, A (Bares -lugar da Vila de Bares)
Fai referencia a un lugar con barro situado nunha condomiña. Unha condomiña indica terras en condominio, do latín medieval condominia, plural de condomĭnĭum ‘condominio, terra de dominio compartido entre varios donos, señores ou posesores’. Os topónimos que conteñen este nome son polo regular de orixe medieval e poden designar tanto núcleos de poboación como tamén herdades ou áreas rústicas que no pasado tiveron un réxime de propiedade desas características. 

BATÁN, O (As Grañas do Sor, Mañón)
Do latín battere 'bater, golpear'. 
Os antigos batáns de auga eran dispositivos destinados á operación de abatanar ou bater os panos ou teas de lá ou liño fabricadas nos teares caseiros. O batido era feito por dous mazos hidráulicos. O tecido era batido para desengraxalo e darlle corpo; ficaban ao pé dos ríos e ao funcionar facían gran ruído.

BAZALAR, O
 (As Ribeiras do Sor)

De "bacelar",  "lugar plantado de bacelos" (vides novas, nun terreo onde non se plantaran antes).
O termo "bacelo" vén do latín bacillum ‘bastonciño’, diminutivo de baculum ‘bastón’, ao lembrar os bacelos a forma dun bastón.

BELADAL, O (Mañón)
Derivado, con deglutinación, de "abeledal", lugar con abelairas.
Aínda que as formacións con doble sufixo abundancial (-edo + -al) non son frecuente, tampouco sería un caso excepcional, así "louredal", "toxedal", etc. De feito, existe tamén un "Belandal" en Alfoz, que reforza esta hipótese.
Alternativamente, aínda que non semella moi probable, podería estar derivado de *valadal, no sentido de "abundancia de valados".

Existe tamén un "Valadás" en Melide e un "Baladás" en Chavín e en Valdoviño.

BELLIGUEIRO, O (As Grañas do Sor)
Talvez de "lugar de vellegal". Un "bellegal" ou "vellegal" significa algo similar a "fraga", no sentido de terreo pedregoso e abrupto. Cf. DdD.

BETOI (Bares)
Posiblemente de *(agru/uilla) Uittoi, indicando un agro ou unha uilla (casal, granxa, explotación agrícola) dun posesor chamado *Uittoi, nome de orixe xermánica - alternativamente *(agru/uilla) Uittoni, dun posesor chamado *Uittone.
En efecto, este antropónimo está documentado en Portugal, como apelido Betoy en 1258 e como nome aparece Bettoy no século XI (cf A. A. Cortesão "Onomástico Medieval" in Vol IX de "O Arqueólogo Portugués", 1904, aquí); derivaría da raíz xermánica *witjan, a mesma que a doutros antropónimos si documentados, tais como Vitila, Vitildus, e o famoso Vitiza. A segunda parte do antropónimo viría do elemento -oi, frecuente en Galiza e Portugal (Ansoi, Baldoi, Beloi, Francoi, Ganoi, Sendoi,etc). Tamén, en lugar dunha orixe en -oi, podemos pensar nunha orixe no sufixo hipocorístico -one, ou incluso a controversa terminación -oi.

Alternativamente, aínda que cremos máis improbable, de *(agru) Bettonii, relacionado co cognomina "vetto", e daí o xentilicio Vettonius ou Bettonius, nomes rexistrados na epigrafía. Cf. aquí.

É interesante notar que este topónimo non corresponde na actualidade cun núcleo de poboación, ficamos coa pregunta de se talvez o houbo antigamente.

BIMBORRA, A (Bares)
Descoñecemos orixe e significado. Tal vez relacionado con "bimbarra" (="palanca").

BOCELO (Bares)
Un "bocelo", antigo diminutivo de "boca", significa algo similar ao máis moderno "boqueira", unha portela, unha saída, abertura que hai nas sebes, valados, etcétera. Cf. DdD.

BORRALLADAS, AS (Mogor)
A borralla é a cinza, o residuo de madeira totalmente queimada. Cando se cavaba a roza, facían borralladas, que servían de abono, ao queimaren os toxos,etc.

BRANDEIRAS, AS (Mañón)
Descoñecemos o significado.
Unha "branda" significa unha concavidade nalgo que debería ser liso.
En algunhas comarcas ourensás chaman "branda" aos montes altos nos que o gado atopa pasto no verán.

BROZO, O (Bares)
O termo "brozo" é de orixe céltica, segundo Corominas de *vroicos, e máis tarde *broccius. O significado sería de "uz", "breixo". No léxico da zona aínda se conserva o termo "brozada" (e daí "desbrozar").

CABIRTOS, OS (Mogor)
O mesmo que "cabritos".

CACHIZA (Mañón)
CACHIZAS, AS (Mañón)
Orixe e significado incertos. Tal vez de animais dedicados á procreación, ou lugar onde os había do latín castitia, relacionado con "castizar" (procrear, "facer casta", crear prole). De feito, o nome "cachizo" significa "porco semental", tal vez referido a lugar onde houbese animais de cría.
No concello do Vicedo, limítrofe, existe en varios lugares o toponimo "o cacheiro", que podería estar relacionado.

A "cachiza" é tamén un xogo con unha bola de madeira, mais non encaixaría moito nun topónimo.

CADABARCOS (Bares)
O nome "Cadabarcos" ten unha orixe prelatina, cunha frecuente raíz indoeuropea *kat-, por veces interpretada como "por riba de".
O tema *bark- ou *abark- é tamén prelatino (por exemplo "barco").
Ver entrada específica no blog A Pena da Cataverna a respeito da raíz *kat-.
Sexa como for, Cadabarcos rexistra presenza humana xa de antigo, de feito foi alí escavada unha necrópole galaico-romana.

CADAVAL, O (As Grañas do Sor, Bares, Mañón)
Lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. DDD.
En portugués "cadava" ten o mesmo significado. Cf. Priberam.

CADEIRA, A  (Mogor)
Unha cadeira (do latín cathedra) designa un“banco triangular de tres pés, así como a parte do corpo.
Interpretaríase, en toponimia, como unha metáfora oronímica, referida á forma do lugar. 

CAÍNZO, O (As Grañas do Sor)
Un caínzo é un "tecido de varas", tanto onde se secaban as castañas como o que compuña as tañeiras do carro, etc.
Un "caínzo", en toponimia, refiría por extensión a un "hórreo feito de canas ou vimbes". Tamén podemos pensar nun terreo cerrado de vimbes ou canas, ou incluso nunha cancela feita de tais materiais. 

CAIÓN (Mañón)
Etimoloxía e significado incertos. Seguindo a Miguel Costa, podería ter orixe céltica e estar relacionado co vocábulo galo cagio 'sebe', 'campo cercado'. A terminación -ón en topónimos está, en parte dos casos, relacionada con topónimos de orixe céltica. En efeito, Matasovic identificou o protocéltico *kagyo- como 'curral, cercado'. Cf. p. 184 de R. Matasovic, "Etymological Dictionary of Proto-Celtic" (2009).
Miguel Costa derívao de *Cag-yon, do protoindoeuropeo *kaghio 'palizada, cerca, canizo' (cf. aquí).

Hai varios Caión en Galiza, como p. ex. o Caión de Laracha (A Coruña). Fóra de Galiza atopamos "Cayón" en Asturias e Cantabria, así como documentado un Caion en 1198 na zona de Oña (Burgos). Tamén está atestado un Johan de Cayon veciño da Coruña en 1352.
Descoñecemos se "A Caioga", na veciña parroquia de San Claudio, gardaría relación etimolóxica.

CAL da MALATA, O (Bares)
Posiblemente relativo a "malatía", lepra. Hai outras interpretacións, como a dunha orixe prerromana, derivada da raíz indoeuropea *mel-.
Para máis detalle, ver entrada no blog A Pena da Cataverna.

CAL do MACHO, O (As Grañas do Sor -lugar do Cal do Macho)
Probablemente, neste contexto o termo "macho" derive do latín marculum 'martelo pequeno'. Sendo nun "cale" ('espazo de terra formada pola parte baixa de dúas montañas ou alturas próximas'), posiblemente sexa referido a un martelo hidráulico, movido pola forza do río.
Os topónimos "Macho" e "Machuco" son frecuentes con este significado.

Alternativamente, aínda que improbábel, de Marculus, diminutivo de Marcus, nome de persoa. Porén, descoñecemos rexistros desta ocorrencia.
Podemos descartar a orixe obvia na palabra masculum 'persoa de xénero masculino', pois tería pouco encaixe nun topónimo tan frecuente.

CALEIRA, A (As Grañas do Sor, Mañón)
Topónimo que remite a un lugar onde se extrae o cal, ou forno onde se queima o cal. Cf. DdD.
Aínda que o apelativo "caleira tamén corresponde co nome dunha planta, é improbable que sexa esta a interpretación correcta, sería estraño que un topónimo tan frecuente referise ao nome singular dunha planta sen uso especialmente relevante.

CALISTRO, O (As Grañas do Sor)
Posiblemente deturpación de "O Calixto"

CALVOTES, OS (Mogor)
Lugar con pouca vexetación. Topónimo derivado de "calvo", topónimo moi frecuente en Galiza. Tanto "calvo" como "calvelo", calvela e calveira refiren a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva. Indícanos que, no momento de asignarlle este nome, os arredores estaba cuberto de árbores.

CALZADA, A (As Grañas do Sor)
CALZADA DA COSTA DO PORTO, A (Mañón)
Topónimo transparente, aludindo a un camiño empedrado que pasaría por este lugar.

CAMBEIROS, OS (As Grañas do Sor)
Termo derivado de "camba". Talvez relativo ao alcume dun antigo posesor 'persoa de pernas tortas'. Porén, o termo "cambeiro" tén varias acepcións rexistradas (cf. RAG):
  • gancho, quer pau con gancho, quer gancho da gramalleira 
  • caínzo 
  • home de pernas tornas 
Noutras latitudes, Cambarius está documentado como nome de persoa, e tamén o termo cambarius é asociado con 'fabricante de cervexa'.

CAMPELO (Bares)
O dicionario de  Aguirre del Río recolle "campelo" coa acepción de "prado pequeno" (cf. L.  Aguirre, 1858. "Diccionario del dialecto gallego"). 
Esta especialización do nome, xa non visto como puro diminutivo de campo, queda patente na toponimia con lugares como Campelín (Foz), cuxo diminutivo adicional -ín semella confirmar que "campelo" xa non era percibido como diminutivo.

CAMPICEIROS, OS (Mañón)
O termo "campiceiro" deriva de "campizo", o cal define o dicionario como "campo pequeno sen cultivar, onde só medran vexetais espontáneos, que non se usan máis que para broza".

CAMPO DA LADRA, O (As Ribeiras do Sor)
Podería referirse a "Campo da Ladroa", dun alcume referido á posesora ou suceso ocorrido nese campo, aínda que é moi improbábel: o topónimo "Ladra" abunda demais para ser referido a "ladroa", que se esa fose a orixe sería un topónimo accidental e infrecuente.
Cremos que a orixe é no tema prerromano *lat-r- 'terreo pantanoso', de orixe céltica ou paleoeuropea, derivado da raíz indoeuropea *lat- "pántano, lameiro, lama", o mesmo que no caso dos "río Ladra", documentados na Idade Media como Latera (cf. J.J. Moralejo. "Hidronimia prerromana de Gallaecia" in "Onomástica Galega II", 2008). Tamén existen múltiples "Ladrido", "Ladredo" e similares, que non terían sentido como derivados de "ladroa".
Outros topónimos cercanos similares son "Pena Ladra" na Balsa (Muras) e "A Ladrela" en Xermade.

CAMPO de BREA, O (Bares)
Brea pode ter varias orixes e significados, pero probablemente neste contexto signifique "vrea" ("verea", "vereda").

CAMPO do TURCO, O (Bares)
Orixe incerta. Talvez derivado do alcume dun antigo posesor.
Alternativamente, de orixe prerromana. De feito, E. Bascuas admite a probabilidade de derivar da base orinímica *turc-, ou da hidronímica *tur-ko, derivada da raíz indoeuropea *ter-, presente en hidrónimos. Porén, Bascuas tampouco rexeita a posibilidade de que estes topónimos Turco e Turca deriven en algúns casos de alcumes. Cf. p. 317 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.

CAMPO do VISO, O (Bares)
Un "viso" é "un sitio alto, sitio elevado" (cf. DdD). Significaría, por tanto, "o campo do alto con boa vista".

CAMPÓN, O (varios, en Mañón, Mogor, As Grañas do Sor, As Ribeiras do Sor)
CAMPÓS, OS (Mañón -lugar do Morao)
O termo "campón" remite a un prado de secaño de moita extensión. Cf DdD.

CAMPOSA, A (Mogor -lugar de Pumar de Vale)
O termo "camposa" indica un campo grande e chan (cf. DdD).

CANDA, A (Mañón -lugar do Morao)
CANDEDO (As Grañas do Sor)
Os apelativos "canda" e "cando" son sinónimos de "garabullo, guizo". 
O termo "candedo", do latín *candanetum 'garabullal', lugar onde hai "candos". Cf. aquí e E. Rivas (2001).

Estes topónimos son frecuentes en Galiza: Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

CANTELO, O (As Grañas do Sor)
CANTIÑOS, OS (As Grañas do Sor)
CANTOS, OS (Mañón)
O termo "Cantelo" é a forma antiga de diminutivo de "canto", mentres que "cantiño" é un diminutivo máis moderno e aínda produtivo.

O apelativo "canto" tén varias acepcións en galego; a que ao meu ver máis encaixa na toponimia é a de  "recuncho", "lugar apartado", "saliente", "lado".  Isto é particularmente probable en topónimos como  "O canto do pazo" (Cervo), "O  canto da vila" en Silán (Muras), ou "o canto do prado" no Burgo (Muras).

Hai quen lle dá a esta acepción de "canto" unha orixe celta, pero iso non é máis que unha posibilidade. Corominas asígnalle unha orixe no latín cantus 'llanta de metal', que tería unha orixe estranxeira, talvez céltica en relación co antigo bretón cant 'circo, aro'. No entanto, a partir da forma protoindoeuropea *kan-tho 'recuncho, extremo',  está presente en moitas linguas indoeuropeas, non só celtas, incluíndo o polaco kąt 'ángulo' (< protoeslavo kǫtъ), ou o lituano kampas.

Outra acepción que nalgúns casos podería encaixar é a de "pedra, pedra grande non tallada" presente tamén na maioría dos dicionarios de galego (cf. DdD). Corominas dá por case segura unha orixe céltica (cf. Corominas, DCECH, s.v. canto iii).
O topónimo "Canto" é frecuente en Galiza, incluíndo os derivados Cantelo, Cantiño, Cantón.

CARBALLÁS, OS (Mañón -lugar dos Carballás)
Un "carballal" remite a un  lugar poboado de carballos. 
O apelativo "carballo" é de orixe prerromana. O correspondente termo en latín robur non perdurou no galego, excepto na toponimia, na que si se conserva a forma  "reboredo",  co mesmo significado que carballeda, carballeira e carballal.

CARDÍMARA (Mogor)
Podería ter orixe xermánica, a partir da raíz (prototema) gótica *gards 'quinta, casa', tal como ocorre en "Cardelle" . Coincidiría na terminación (deuterotema) con "Guímara", rexistrado no 688 como Wimar (cf. p. 1686 de Forstemann "Altdeutches namenbuch").
Alternativamente, podería ter orixe prerromana, se o interpretamos co sufixo átono -ara, presente en termos de orixe prerromana, tales como "gándara", "Támara". Estaría neste caso formada  a partir do tema *kard-, que parece significar en linguas celtas "pedregal".  (cf.  Villar "Lenguas y genes", p. 128 con mapa).

CAROCEIRO, O (Bares)
Podería vir de "lugar caroceiro", onde recollen "carozas", a parte dura que encerra o froito do piñeiro. As carozas eran usadas para facer o lume, pola sua boa combustión. Porén, co sufixo "-eiro" tamén pode apuntar para un tipo de árbore (e.g. "vieiteiro", "abruñeiro", "pereiro"), o que encaixaría coa información que achega Xabier Moure, que recolle no concello limítrofe do Vicedo outro "Caroceiro", atestado como "Carruceiro" no Cadastro de Ensenada. Cf. aquí.

Sería, portanto, a árbore que Sarmiento recolle co nome"carruceiro", unha clase de maciñeira selvaxe, cun froito ao que chaman "carozos". Cf. aquí.

Tería evoluído de "carruceiro" para "caroceiro" por etimoloxía popular, pois o termo "caroza" é común nesta zona, referido á parte dura que encerra o froito do piñeiro. 

CARRANCO, O  (varios, Mañón, As Grañas do Sor)
CARRANCO da BARCIA, O  (varios, Mañón, As Grañas do Sor)
CARRANCO de FRAGA, O  (varios, Mañón, As Grañas do Sor)
CARRANCO do BARRAL, O (varios, Mañón, As Grañas do Sor)
Aínda que os dicionarios consultados somente indiquen para "carranco" o significado de "unha clase de paxaro" e a outra de "verme" (cf. DdD), existe unha acepción na zona relacionada con "encosta", "ladeira", "lugar peado", similar a barranco.
Neste caso, a orografía de varios deles, en encosta (ladeira), parece confirmar esta interpretación. 
Derivaría da raíz prelatina *kar(r)-, "rocha, lugar pedregoso", xunto co típico sufixo -anco, tamén típico na toponimia de orixe prerromana.
O topónimo "Carranco" é relativamente frecuente, así por exemplo en Muras, Ourol, Barreiros. Tampouco é un apelativo restrinxido xeograficamente: inclusive en siciliano existe a forma análoga carrancu 'lugar escarpado'. Hai tamén un "Carranque" en Toledo, nunha zona de talude da ribeira do río Guadarrama.

CARRANQUEIRA, A (Mañón)
Ver "O Carranco".

CARREIRAS, AS (Mañón)
O apelativo "carreira", presente no galego desde antigo, indica a presencia de "antigos carrís creados polo paso continuado de carros". Deriva do latín vulgar carraria.

CASAL DE SANDE (As Ribeiras do Sor)
O termo "casal", do latín casalem, designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, moitas veces unha granxa, incluindo tanto a casa coma as dependencias auxiliares e terras darredor. Representaba daquela un tipo de poboamento rural. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.
Canto a Sande, é a forma en xenitivo de Sando (ou tamén podería ser Sanda), nome do antigo posesor. É dun nome masculino de orixe xermánica, formado a partir da raíz gótica *santh 'verdadeiro'. Cf. p. 334, J. Piel "Os nomes germánicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI.
É importante notar que a orixe xermánica do nome non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.
Figura no Dicionario de Madoz (1845-1850) con este mesmo nome.

CASATEITE DE BAIXO (As Grañas do Sor)
CASATEITE DE RIBA (As Grañas do Sor)
CASATEITE DO MEDIO (As Grañas do Sor)
Posiblemete de "casa teita", casa á que lle puñeron "teito", no sentido de tellado.
Nótese que, o "tellado" podía ser de palla, e sería necesario renovar o teito (teitear) de cada 15 anos, con palla nova de centeo (un grosor duns 40cm, cf. aquí).
Hai outros lugares co nome "Casateita", por exemplo en Muras.
Canto á terminación, da relaxación da pronuncia do -a para -e, non é un fenómeno estraño, senón que ocorre en moitos topónimos (cf. P. Martínez aquí).

Con todo, aínda que improbable, tampouco podemos desbotar unha orixe no composto *Casa Tagiti, dun posesor chamado Tagitus ou Tegitus, nome rexistrado en documentos medievais. O paso de *Teite para Teita sería un fenómeno común na toponimia galega (cf. P. Martínez aquí).

CASCAVIAL, O (Mañón)
Posiblemente deturpación de "Cascabullal": A súa orixe é de "cascabullal", de "cascabullo", lugar cheo de cascas. Escombreira.
Existe "O Cascabellal" nas Negradas.

CASCÓN, O (As Grañas do Sor)
O nome deste núcleo de poboación talvez derive de *(uilla) Casconii, forma en xenitivo de Casconius, nome do antigo posesor desta uilla ("explotación agrícola"). É un nome de orixe latina.
Non cremos que teña relación co apelativo "cascón" 'castaña seca con casca', pois non está recollido nesta comarca e tampouco tería moito encaixe como topónimo.

CASÓN, O (As Grañas do Sor)
CASÓN, O (Mañón)
CASÓS, OS (Mañón)
A voz "casón" é o aumentativo de "casa". Posiblemente "casón" deba interpretarse como aludindo a unha "casa grande", no sentido de "casa señorial".

CASTELAOS, OS (Mañón)
Indicando un lugar pertencente a de posesor con apelido (ou alcume) "Castelao", ou incluso tamen facendo referencia a un posesor orixinario de Castela.

CASTELO de XUXARRIDO, O (Bares)
Ver máis embaixo o topónimo "Xuxarrido".

CASTRO (Bares)
CASTRO, O (Mañón -lugar do Castro)
CASTRO, O (Mogor)
CASTROS, OS (As Grañas)
Voz derivada do latín castrum 'castelo, fortaleza’'. En galego designa un tipo de asentamento prehistórico característico do Noroeste peninsular, aínda que tamén é usado na toponimia para se referir a outra clase de edificacións semellantes ou mesmo a unha elevación do terreo onde puidese ter existido un castro (cf. P. Martínez Lema, 2012. "Toponimia de Begonte e Rábade").

CATADOIROS, OS (Mañón)
Podería vir de captatoriu(m), ben de "observación" ou ben de "caza". Existe por exemplo "O Catadoiro" en Vieiro, no Valadouro, etc.
Ver A Pena da Cataverna para outras interpretacións.

CATABOIS (Bares)
Podería ser un nome de orixe pre-romana, de *kat(t)- + boi : "altura por riba dos penedos". Fáltanos coñecer o sitio para confirmarmos esta opción.
Alternativamente, podería provir de "capta boves", "lugar de vixiancia dos bois, do gado", aínda que é improbable, dado que tamén existe o topónimo "Cataboi", e non encaixa un significado relativo a que se vixiase un único boi.
Ver A Pena da Cataverna para máis detalles a respeito da raíz *kat(t)-.

CATASOL (Bares)
Ainda que poida ter unha orixe no significado directo ("cata + sol"), é máis probable unha orixe prerromana. Existen outros "Catasol" en Galiza, o que fai improbable, ao noso entender, a frecuencia de "sol" no significado de astro.
O elemento prerromano *kat(t)- é mais coñecido, o elemento *-sol é mais incerto. Podemos aventurar relacionalo con un *cata-saure , onde "Saure" indicaría "auga, río", e tería a mesma orixe que o topónimo do río Sor. De catasaure > catasol, tendo un significado de "por riba da auga", "caída de auga ".
Ver A Pena da Cataverna a respeito da raíz catt- e a entrada Río Sor a respeito de -sol.

CATADOIRA, A (Mañón)
CATADOIROS, OS (Mañón)
Podería ser "captatoria", posto de "observación" ou de "caza". Existen outras, por exemplo en Cariño, na Régoa (Cedeira), un Catadoiro en Vieiro.
Alternativamente de orixe prerromana, baseada na raíz *kat(t)-, ver >>entrada do blogue referida a "Pena da Cataverna" para outras interpretacións.

CABECEIRAS DE GALVÁN (As Grañas do Sor)
Ver "Galván".

CAXIGAL, O (As Grañas do Sor)
Un lugar onde abundan os caxigos.

CELEIRO, O (Mañón)
O topónimo "Celeiro" vén do latín tardío cellarium, e faría referencia a "edificación para despensa, silo, lugar onde se almacenan provisións, hórreo". 

Na Idade Media, estas construcións eran parte do entorno dunha casa rural, granxa ou entidade monástica. A súa función era de lugares para a conservación e procesamento de produtos, maiormente cereais e viño, para o cal dispoñían de arcas para gardar a gra e cubas para gardar o viño (cf. p. 201, X. Varela, 2008, "Léxico cotián na alta Idade Media de Galicia: a arquitectura civil").

Hai autores que postulan se os "celeiro"  poderían facer referencia aos hórreos de tipoloxía galega. A documentación medieval existente fai rexeitar esta suposición, se ben, tal como indica Xaime Varela, a que nalgúns casos poderían ter esta acepción, e de feito actualmente "celeiro" pode ser sinónimo de "hórreo" na lingua galega (cf. p. 202, X. Varela, 2008, "Léxico cotián na alta Idade Media de Galicia: a arquitectura civil").

CENTOLAR, O (Bares)
É un lugar situado nun cantil. Relativo a lugar de abundancia de centolos, ou propicio para a súa captura.

CERNADO, O (As Grañas do Sor)
O termo "cernado" viría do latín (locum) cineratum 'lugar queimado' (cf. DDD). Tería relación con sitios de monte onde se facían actividades de roza: facían borralladas ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal (maiormente centeo).

Di Risco: "Nas terras de montaña, vese ao lonxe polo vrau arder o monte en moitos lados, dando de día un basto fume azul que vai empardecendo conforme sobe, e véndose de noite as luces e o resprandor das flamas baixas, coma se estivesen acendendo braseiros eiquí e acolá. Ollando ao lonxe, as máis das veces é o fume o único que se move na calma azul da largancía" (cf. V. Risco, "Terra de Melide"). 

CHAMBERGO, O (Mañón)
Posiblemente un alcume derivado de "chamberga", nome que deriva dun tipo de casaca, e que se aplica tamén para indicar individuos cun corpo dese xeito.

CHAO de MONTILLE, O (Mogor)
Posiblemente dun posesor chamado Montilius, na forma en xenitivo Montilii.

CHAO de SELLEIROS, O (Mañón)
Posiblemente de "O chao (lugar chan) onde fan as sellas". As sellas eran vasillas de madeira con aros de metal, moi usadas antigamente.

CHAO das MEDAS
, O (Mañón)
O apelativo "meda", do latín meta, fai referencia a unha forma de cono truncado, a monte cónico con punta redondeada. En particular, ten a acepción de morea de mollos de cereal segado, e tamén a de 'mámoa', ‘enterramento funerario prehistórico’.

Este topónimo pode indicar, por tanto, a (antiga) existencia dun conxunto de mámoas nese lugar, ou ben, menos suxerente, o lugar onde colocaban as medas de cereal para realizar a malla.

CHAO dos CANEIROS, O (As Grañas do Sor)
Un "caneiro" é unha canle, un canal, por veces usado para pescar.
Os "caneiros" xa foron definidos por Sarmiento como "Los canales de los ríos para la pesca" (M. Sarmiento (1746-1755c): Catálogo de voces y frases de la lengua gallega").

O dicionario de (M. Valladares (1884): Diccionario gallego-castellano") dalle un sentido máis específico, que talvez fose o caso: "Canal de pesca, compuesto ordinariamente de dos muros, ó estacadas, llamados guiares : muros, ó estacadas, que desde las opuestas orillas de un rio convergen en determinado punto del mismo, formando angulo, en cuyo vértice hay uno ó mas boquetes, para colocar las redes que son á manera de manga y destinadas por lo regular, á coger anguilas.

CHOPE, O (Mañón)
O termo "chope" defíneo o dicionario de Aníbal Otero (1967) como "pedazo pequeno dun monte cercado." A mesma acepción recolle máis tarde o dicionario de X. L. Franco (1972). Cf. DdD.

Atopámolo na toponimia menor de varios concellos de toda Galiza, como en Muras, na Estrada, etc.

CHORENTE (Mañón)
De (uilla) Florentii, indicando a pertenza da uilla ("explotación agrícola, granxa") a un antigo posesor chamado Florentius.

CHOUSÓN DE SEOANE, O (Mogor)
O nome "chousón" é o aumentativo de "chousa" 'Porción de monte cercada, de non moita extensión', e derivado do latín clausa 'pechada'.

Canto a Seoane, refere ao apelido dun antigo posesor da chousa. Este apelido deriva dun haxiotopónimo, de Sanctus Iohannes (San Xoán). Xa na Idade Media pasaría na pronuncia popular para *Saneoane, e daí, seguindo a queda do -n- no galego, para "Seoane". Aínda, desa forma, evoluíu para Seivane, Sevane e Savane, todos eles rexistrados na toponimia galega.

CHOUSA de CARDELLE, A (As Ribeiras do Sor)
Chousa dun posesor de apelido "Cardelle". 
É interesante notar que este apelido "Cardelle" é orixinario deste concello (xa que non se atopa en ningún outro concello do norte da Galiza, e a frecuencia con que se dá neste concello non se dá en ningun outro de Galiza, cf. aquí).  A orixe fai referencia a unha persoa procedente dunha (uilla) Cardelli, forma en xenitivo de Cardellus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"). Por outro lado, J. Piel deriva o antrotopónimo homónimo portugués Cardelhe do nome Cardellus, este á súa vez derivado de Gardila, coa raíz gótica *gards 'quinta, casa'. Cf. p. 234, J. Piel "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II.

CHOUSA do AROVELLO, A (Mañón)
Ver "Arovello".

CHOUSAS de GUEIMONDE, AS (As Grañas do Sor)
Terreo cercado ("chousa") que pertenceu a propietario medieval Goimundus, nome de orixe xermánica.

CIBUELO, O (Bares)
O nome desta pequena illa pode provir de diminutivo de "cebo", posiblemente chamado así pola acumulación de fitoplacton arredor dos baixos da illa.

CIMBRES (As Grañas do Sor)
Posiblemente "cimas de montes". Porén, o termo "cimbre" ten varios significados, é preciso coñecer a situación exacta para termos interpretación máis clara. Cf. cimbrecimbra.

COCA, A (Mañón)
Orixe incerta, posiblemente pre-romana.Aínda que haxa quen o relacionase coa poboación de "Coca" (Segovia), é difícil que así fose, xa que acquela vén de "Cauca", en canto que esta Coca debeu ser *Cocca, tendo en conta a evolución que debeu ter en galego.
Como simple posibilidade, podería gardar relación coa voz "cócara' ‘Hueco natural que se forma en el tronco de los castaños, robles, etc.’, que está recollida no galego das Médulas (León). Se temos en conta que o sufixo átono -ara está presente en voces de orixe prerromana e por veces actuando como diminutivo, podemos pensar que cócara sería diminutivo dunha voz "coca", que por tanto remitiría a un furado ou foxa.

"Coca" é tamén o nome que recibía desde a Idade Media un dragón exhibido nas festividades do Corpus en Galicia, análogo á "Tarasca" doutras partes do estado. Cf. aquí.
Sarmiento fala da "coca" como unha pasta feita con grans de "calzamo" e que se usaba para matar o peixe. Cf. aquí.

O COCHÓN (As Grañas do Sor, Mañón)
Pode significar "pedazo de terreo labradío de certa extensión". Tamén pode vir de alcume despectivo, aumentativo de "cocho" ("porco").
Aínda que máis improbable, pode ser unha deturpación de "cachón" 'fervenza', aínda que descoñecemos o lugar.
Existen outros topónimos "Cochón" en lugares cercanos como Ourol Muras.

COÍDO, O (Bares)
COÍDOS, OS (As Ribeiras do Sor)
Un coído é un conxunto de coios, "pelouros". Estes son, de feito, o caso.
En concreto, o Coído de Bares, mede 298m de longo e está formado por bolos graníticos autóctonos, de forma esIeroidal, de 900 Kg de peso medio por bo, que sumarían uns 70000 m3 de volume total de pedra (cf. D. Fernandez "El Puerto de Bares. Nuevas aportaciones acerca de su construcción y origen).
A orixe e cronoloxía desta construción segue a ser controversa.

COÍDO DA ATALAIA, O (Bares)
Unha "atalaia" é un lugar de vixiancia, probablemente para avistamento de baleas e similares. Atalaia deriva do árabe aṭ-ṭalā’iʕ "os sentinelas"; temos a voz "atalaieiro" co sentido de ‘vixilante, outeador de baleas'.
A pesca da balea era común no Cantábrico desde antigo. Xa en 1291 aparece documentada actividade baleeira en Bares e San Cibrao.
Nos primeiros tempos, a actividade baleeira nas costas galegas era desenvolvida maiormente por pescadores vascos.  A finais do século XVI, os galegos tiñan desprazado totalmente aos baleeiros vascos. 
A captura intensiva neses séculos levaría á práctica extinción  da especie nas costas galegas a finais do século XVII, cesando a actividade baleeira costeira.
Cf. aquí.

Figura atestado no ano 1291 un préstamo aos baleeiros de Bares:  "Et disso que pinnorara aos baleeyros de Vares vi çentos mor" (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

COÍDO DA TECELÁ, O (Bares)
O dicionario define "tecelán" como sinónimo de "tecedor", que fabrica tecidos.
Descartamos a acepción de "gavián", que tamén indica o dicionario, xa que, neste caso, en femenino, non encaixaría nesta acepción.
No entanto, e tendo en conta esta existencia da "Punta do Tecelán" en Burela, non se pode asegurar o significado indicado polo dicionario: semella improbable a existencia de dous topónimos Tecelán ou Tecelá referidos a dous coídos ou cabos, que nada parecen ter que ver con tecedores. No entanto, outros topónimos "Tecelán" están localizados en concellos do interior de Galiza, sen relación con puntas costeiras.

COÍDO DO ESCAIRE, O (Bares)
Ver "O Escaire".

COITELA PEADA, A (Mañón)
Probabelmente se trate dun nome metafórico para designar un "Monte escarpado e peado", sendo "coitela" polo escarpada que é a serra. O adxetivo "peada" ("encostada") parece confirmar esta interpretación.

COMBARREIRA, A (As Grañas do Sor)
Semella abundancial de "combarro", lugar onde hai "combarros". 
Canto ao significado de combarro, ten a acepción de "alpendre" en algunhas zonas. Por outro lado, no latín tardío da Galia está atestada no S. VII a voz cumbres 'empalizada, estacada no río para a pesca', que menciona Du Cange.

Xaime Varela analiza este termo no seu estudo da documentación medieval galega, aínda que ao atoparse en poucas ocasións, o contexto non permite saber a cal das acepcións se refire, se a un alpendre ou se a unha pesqueira (cf. X. Varela, 2008, "Léxico cotián na alta Idade Media de Galicia: a arquitectura civil").
Aínda que non coñecemos o lugar, dada a súa situación nunha zona de prados, tanto neste caso como no caso do Combarro existente en Muras, aventuramos a interpretación como "pesqueira do río".
Sexa ese o significado que tivo este topónimo, ou outro similar, é claro que foi un apelativo usado comunmente, dada a presenza do artigo.

Canto á etimoloxía, aínda que claramente prerromana, é difícil establecer a orixe concreta. Segundo Corominas "parece claro que provén dun ártabro *com-barro 'pontiagudo, provisto de cabeza ou cume' (cf. páx 517 de DCEH s.v. "barra").  Segundo autores como Machado e J. Piel, tería orixe no céltico comboros. Tampouco podemos descartar unha orixe na raíz céltica *camb- 'cousa curva', de onde podería vir o adxectivo "combo" 'torcido, encorvado'.

CONCHAREGO, O (As Grañas do Sor)
Probablemente se trate dunha forma derivada de "concha", o mesmo que lamego de lama ou bustarego de busto.
Talvez sexa un orónimo, referindo á forma de "concha" do terreo ou ben un fitotopónimo. Ver "O Concharelo" para máis detalles.
O mesmo topónimo atopámolo en Xelgaiz (Muras).

CONCHARELO, O (As Grañas do Sor)
Probablemente se trate dunha forma diminutiva de "conchal", abundancial de "concha". Talvez sexa un orónimo, referindo á forma de "concha" do terreo.
Por outro lado, os topónimos "Concheiro" e similares foron analizados por Navaza, que indica que algúns deles poderían ser fitotopónimos, dada a acepción de 'noz' para "concho". Xa que logo, "Concheiro" sería sinónimo de "nogaredo", lugar onde abundan as nogueiras (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").
Navaza tampouco desbota que algún deles estea relacionado coa "herba concheira" (escrophularia nodosa).
Dada a situación, ben lonxe da costa, desbotamos que o topónimo estea relacionado cun abundancial de cunchas, un depósito prehistórico de cunchas mariñas.
Existe outro "Concharelo" en Xermade e un "Os Concharelos" no Burgo (Muras).

CONCHERCOS, OS (Mogor -lugar de Pumar de Vale)
Posiblemente relacionado con "Conxercas", tamén existente no concello.
Pendente de clarificar.

CONGOSTRA, A (As Grañas do Sor, Mañón)
CONGOSTRÍN, O (Mañón)
A palabra vén do latín congusta, "estreita". Cf. aquí.
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. Pode ser sinónimo de "corga, córrego".
En canto a "Congostrín", é o diminutivo de "congostra". É infrecuente nesta zona o sufixo -ín (debería ser "congostriño"), polo que puidese ter un matiz pexorativo ou doutro tipo.

CONXERCAS, AS (Mañón)
Significado e orixe incertas. É un topónimo común en Galicia, rexistrado desde antigo. Como exemplo, un "Muíño e souto da Conxerca" en 1556 en Couzadoiro ("Couzedoyro", cf. aquí), por tanto podería aludir a unha finca dunhas propietarias con ese nome/alcume, o que é coherente co feito de ser un nome en plural, no caso de Mañón, usado en moitos topónimos para referirse a unha familia.
Posiblemente relacionado con "Conchercos", tamén existente no concello.

CORGOS, OS
 (As Ribeiras do Sor, Bares, Mogor)

Os dicionarios rexistran "corgo" con varias acepcións, maiormente como "poza, charca", e nun sentido relacionado "pequenas foxas onde apoza a auga". Tén ademais o significado especializado de "poza onde se curte o liño". Cf. DdD.
Aínda que ten tamén a acepción menos estendida de "corga, corredoira", neste topónimo en plural non encaixa doadamente o feito de haber un conxunto de corredoiras.

CORNA, A (As Grañas do Sor)
Posiblemente referido a lugar pedregoso, con orixe na raíz prelatina *kor- 'pedra, altura rochosa'. Esta interpretación tamén encaixa no caso da "Pena da Corna", nas Grañas. O topónimo "Corna" é relativamente frecuente en Galiza. Na contorna atopamos "Corna" en Landrove, e Cornas en Barreiros, Xove, Cervo. Igualmente no contorno atopamos varios "Cornido", "Cornide", Corneira, etc.
Así, Cabeza Quiles interpréta os topónimos Corn-, Carn- como de orixe céltica ou precéltica, derivado do tema *kar- 'pedra, zona rochosa' (cf. F. Cabeza, 2014. "A toponimia celta de Galicia"). 
Por outro lado, Navaza, para topónimos similares, apunta a un termo derivado de "corno" nun sentido metafórico orográfico (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

CORRUNCHIÑO, O (Mogor -lugar de Pumar de Vale)
Diminutivo de "curruncho", que remite a un sitio apartado, escondido.

CORTIÑA, A (As Grañas do Sor, Mañón)
Do latín tardío cohors ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina ‘cortiña’ e cohorticulum ‘cortello’.
As cortiñas son leiras, que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos ben traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

COSTAAURÁ (Mañón)
Forma composta, por "Costa Aurá", na cal "Aurá" sería un adxectivo derivado do apelativo de orixe prerromana  aura 'auga' estudado por Bascuas (cf. p. 190 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega"). Se for este o caso, derivaría da raíz indoeuropea *awr-, relativa a correntes de auga, da que derivaría tamén o río "Ouro", antigamente chamado Aurio.
Os topónimos relacionados son relativamente frecuentes na Mariña e no Ortegal, así temos en Cariño "Auras" e "Aurau", Aurá tamén en Viveiro, así como Os Ouraos e Ourao en Viveiro, e outro Ourao en Loiba. Igualmente sería o caso do río Ouro, antigamente documentado como Aurio (cf. p. 124 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"), así como dos derivados como Valadouro.

COSTA de MAEDA, A (Bares)
Posiblemente o significado en galego de "maeda" corresponda co rexistrado en asturiano, co significado de "pastizal en terreno pendiente", o cal parece encaixar tamén neste caso, así como tamén no "Couce de Maeda". Cf. aquí ou aquí.
Alternativamente, deixamos como apunte a existencia doutro lugar atestado no ano 998 como "Sancto Iohannes de Amaneta" (cf. Tombo vello de Lugo). Descoñecemos se teñen realmente a mesma orixe etimolóxica.
A modo de anecdota, indicar que, a poucos metros de Punta Maeda, un submarino alemán U-966 foi a pique o 10 de novembro de 1943, despois de ser atacado por catro avións aliados.

COSTA do CASAL, A (Bares)
O termo "casal", do latín casalem, designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares e terras darredor. Representaba daquela un tipo de poboamento rural. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

COSTA do CERNADO, A (As Grañas do Sor)
Ver "O Cernado".

COTORROIA, A (Bares)
Probablemente derivado de "cotorra", "coto pequeno", da voz prerromana *cott- 'lugar alto'.
E. Rivas rexistra o significado concreto de "cotorra" como "outeiro, colina". Na zona das Médulas (León), de fala galega, aínda se usa a voz "cotorro", co significado de "outeiro de escasa elevación sobre o que o rodea" (cf. aquí).
Rexístranse en toda Galiza, así en Covas (Viveiro) "O Coturro", no Vicedo "A Coturra", etc.

COTO da MODIA, O (Mañón)
O termo "modia" acostuma referir a unha mámoa ou túmulo primitivo. Outras veces parece referirse somente a un outeiro, a unha "mota", sen existencia de túmulo coñecida.

COUCE, O (As Grañas do Sor, Mañón)
COUCES, OS (Mañón)
Esta palabra ten múltiples acepcións. Nestes casos viría de calce "calcañar", e designa metaforicamente un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada".
Tamen Rivas Quintas indica que o topónimo couce aparece con frecuencia cun sentido topográfico de ‘fondal’, “base de monte” (cf. E. Rivas, "Lingua galega, historia e fenomenoloxía". 1989). 

COUCE DE MAEDA, O (Bares)
Ver "O Couce". Para "Maeda" vid. "A Costa de Maeda".

COVA do MALATO, A (As Grañas do Sor)
Posiblemente signifique "cova de persoa con doenza na pel" ("malato").
Hai outras interpretacións, como a dunha orixe prerromana, derivada da raíz indoeuropea *mel-.Ver entrada específica para máis detalle nesta ligazón.

COVELA, A (Mañón, Mogor, etc)
COVELAS, AS (Mogor -lugar de San Fiz, etc)
O termo "covela", orixinariamente derivado como diminutivo de "cova", designa un "pequeno vale cóncavo formado na converxencia de dúas encostas peadas de monte". É, por tanto, un termo similar a "cale" ou "cal".

Aínda que varios autores indican que "covelo/a" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo/a" como de "cubo/a", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008 "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

COVELO, O (Mañón, etc)
COVELOS, OS (Mañón, Mañón -lugar do Morao)
A voz "covelo" é o diminutivo de "covo", e remite a un "lugar no fondo dunha concavidade".
Ver comentarios adicionais en "Covela".

CRISTO de MOURAZ (Mañón)
Do baixo-latín (uilla) Mauratii, forma en xenitivo de Mauratius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica. Cf. aquí.

Algúns afirman que "o Cristo de Mouraz era lugar de cita antigamente para os romeiros, tanto para os que ían en peregrinación a Teixido como para os que se dirixían a Compostela. Isto é porque está en pleno Camiño dos Arrieiros, un camiño usado ata a Idade Media, que unía o porto de Vares coa Mourela (As Pontes)." Cf. aquí.
Cf. aquí para información sobre todas as cruces do Camiño dos Arrieiros.

CROA, A (Mañón)
O termo "croa" ven de "coroa", metáfora por "cima de monte redondeada", ás veces referindo a parte alta dun castro.

CRUZ DO FAMEIRO, A (As Grañas do Sor)
Cruz situada ao rente dun agro chamado "do Fameiro".
Posiblemente "O Fameiro", veña do alcume dun antigo posesor dese agro.

CURUXEIRA (As Grañas do Sor)
CURUXEIRA, A FONTE DA  (As Grañas do Sor)
Unha "curuxeira", abundancial de "curuxa", designa por tanto un lugar caracterizado pola presenza ou abundancia de ditas aves. Tamén, metafóricamente, indicaría un "lugar en sitio elevado e con penascos". Cf. aquí.

CUCHEIRO, O (Mañón)
Posiblemente relativo a un "cocho" ("cuvil"), ou tamén a un "cucho", no snso do animal, quer co significado de "cuxo" (becerro novo) ou de "cocho" (porco).

CURRO DE EGUAS (As Grañas do Sor)
O apelativo "curro", neste contexto de mención ás "eguas", designaría un "Cercado de madeira ou de pedra onde se concentra o gado ceibo do monte, especialmente cabalarías e vacas." (cf. RAG). 
Xaime Varela, analiza este termo no seu estudo da documentación medieval galega, concluíndo en que se referiría a un recinto valado para a cría do gando no campo, en liña co significado recollido nos dicionarios galegos  (cf. X. Varela, 2008, "Léxico cotián na alta Idade Media de Galicia: a arquitectura civil").
Este lugar figura xa atestado en 1225 como "Curru de Eguas" nun documento de S. María de Meira (cf. CODOLGA): ".. cisterciensis ordinis, quodam regalengum in terra de Sor et uocatur Sanctus Mames de Curru de Eguas, ..". A mención a "Sanctus Mames" parece indicar a presenza dun edificio religioso coa mesma advocación que a da parroquia (San Mamede), ou ben que a parroquia enteira tivese daquela ese nome.

DEVESA, A (Bares -lugar do Porto de Bares, Mogor)
Do latín (terra) defensa (terra resguardada, vedada). Significa "terras cercadas", xeralmente un terreo arborado acoutado con certas restricións.
Orixinariamente eran terras prohibidas para o pobo, do rei ou nobres, para cazar ou para explotación das árbores (carballos, etc).
É coñecida unha Real Provisión de 1566 que establecía a obriga para os concellos de
facer plantacións de carballos e de mantelas estas devesas (X. C. Morgade, 2003 "As devesas reais da parroquia de Mourente. Aproximación á política forestal do Reino de España en Galicia (séculos XV a XIX)".
No 1859 aínda estaba atestada unha "dehesa nacional" no Campelo, de 2 Ha (cf. aquí).

EIREXA VELLA, A  (Bares -lugar do Porto de Bares)
O termo "eirexa" é un descendente patrimonial do latín ecclesia. O topónimo, frecuente en Galiza, alude por tanto ao lugar onde houbo primitivamente unha igrexa.

Este lugar, pegado á beira do mar, xa foi tratado por Maciñeira, quen mencionou que antigamente situábase alí a igrexa parroquial de Santa María. Chamoulle a atención a súa
estraña situación.De feito, atopáronse restos dunha uilla tardorromana, de entre os séculos IV e VI (cf. F. Maciñeira, 1947. "Bares puerto hispánico de la primitiva navegación occidental").

ESCAIRE, O (Bares)
Probablemente, relaxación na pronuncia de "escaira" ou "escairo", especie de escaleira rústica, feita de pedras ou escavada no cómaro. Cf. DdD.
Alternativamente, relacionado co asturiano escar 'rocas escarpadas, terreno muy fracturado, lapiaz'. Cf. aquí.
Tamén podería estar relacionado co catalán escar 'varadoiro'.
Existe tamén en Bares "O Coído do Escaire".

ESLOIVADA, A (Mañón)
Esloivada significaría "escorregadiza". Precisa confirmar a situación do lugar.

ESPADIAS, AS (Mañón)
Talvez de "As Padias" ou "As Pádeas", "madeiros sobre os que descansa a armazón do tellado". Cf. DdD
Tería mudado para "as espadias" polo influxo do apelativo "espada".
Como etimoloxía alternativa, derivaría de "espadua" ("ombro"), aínda que dificilmente encaixa nun topónimo e, ademais diso, sería unha evolución fonética estraña.

ESTACA, A (Bares)
Lugar da punta do cabo máis setentrional da Península.
O termo "estaca" designa un "pau aguzado para chantar na terra", e de aí derivaría metafóricamente para "cabo, promontorio", definido como tal no "Vocabulario popular castelán-galego" (1926). Cf. DdD.

ESTEIRO, O (Mogor)
O apelativo "esteiro" é sinónimo de "estuario", "enseada". Máis concretamente, o dicionario "Ir Indo" defíne "esteiro" como “Espazo costeiro produto da invasión cotiá das mareas do medio terrestre na desembocadura dalgúns cauces fluviais e que, as máis das veces, están parcialmente illados do mar por unha barra areosa ou por un estreitamento rochoso” (cf. "Ir Indo", s.v. esteiro). 

Este "Esteiro" aparece xa documentado no ano 916, nun documento do rei Ordoño II que doa ao bispo de Mondoñedo a freguesía de Santa María de Mogor e mais o val de Bares (cf. p. 20 GMH.

ESTELEIRO, O (As Grañas do Sor)
Podería vir de "estela" "acha" (cast. astilla), talvez cun significado similar a 'lugar a onde se vai recoller leña', tal como se rexistra en Asturias para o termo análogo (cf. aquí).
Alternativamente, significado similar ao portugués estaleiro: un terreiro, un espazo de terra amplo, e despexado.
Non cremos que teña en absoluto relación coa construción de barcos, o mesmo que tampouco a terían outros topónimos "Esteleiro" lonxe da costa, como o existente no Valadouro.

ESTIBADA, A (As Grañas do Sor)
Xa Sarmiento indicou que unha estivada era “labor que consiste en rozar o monte, queimar a broza cortada, arar a terra e sementala de trigo ou centeo”. 
Concretamente, o termo "estivada" ten varias acepcións, relacionadas coas antigas "rozas":
  • o mesmo que "roza": operación de cavar un anaco de monte ou terreo inculto, xuntando a broza e facendo borralleiras para despois sementar trigo ou centeo. 
  • Terra na que foi feita unha roza despois de extenderse as borrallas desta. 
  • Peche dunha herdade con terróns. 
Para maior detalle, ver o estudo de Gonzalo Navaza aquí, así como a información indicada por E. Rodríguez Gonzalez aquí.

ENTULLO, O (As Grañas do Sor)
"Entullar" significa "rechear", "atascar", "atufar". O termo entullo pode significar "material que rechea", "cascallo", ou "esterco, molime".
Sen coñecermos o sitio, para un topónimo aventuramos a opción de "cascallo".

ESVEDRAL, O (As Ribeiras do Sor)
Lugar onde abundan os esvedros. 
Na contorna, o Nomenclator rexistra outro "Esvedral" no Vicedo e un "Esvidral" en Vieiro.

FACHO, O (Bares)
Tamén chamado "Pedras do Facho". Lugar onde encendían unha fogueira, para guiado dos mariñeiros.
Sarmiento clarificaba semanticamente a diferencia con "facho", sinalando que "facho" era aplicado en Galicia
"a las eminencias en donde, para avisar de la venida de los enemigos, se encienden hogueras; .... Si en ellas hay farol continuo para guiar a los marineros, se llaman "faros", y si sólo para hogueras "fachos". A veces se toma uno por otro".
FALCOEIRA, A (As Ribeiras do Sor)
Este topónimo xa foi estudado por J. Piel, relacionándoo con outros da Península Ibérica, tales como os portugueses Falcão e Pena Falcão, o castelán La Falconera, o catalán Falcons, relacionados coas aves falcónidas. Cf. J. Piel, "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik, i". 1967.
Igualmente explica Cabeza Quiles os topónimos "Punta Falcoeiro" e Illa Falcoeiro en Aguiño, ou Punta Falcoeira en Malpica. Cf. F. Cabeza, 1992, "Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia: a súa orixe e significado".
Na Mariña atopamos tamén "A Fraga Falcoeira" en San Cosme de Barreiros.

FANEGA, A (As Grañas do Sor)
Unha "fanega" designa unha medida de capacidade. Antigamente tamén designaba unha medida de superficie. Indicaría, por tanto, un terreo que ocupa unha fanega de superficie ou que é capaz de dar unha fanega de trigo ou doutro cereal.

FEAL, O (Mañón)
Un "feal" indica un herbal, un terreo que produce "feo" (cf. DdD), por veces o silvestre (Deschampsia flexuosa).
Por extensión,  “feal” indicaría “prado que se sega”. Así, na documentación medieval atopamos exemplos como:
         “ ... e deuesas e feaes e cortes e cortiñas, ...” (LUCAS, 1991:428).

FIGUEIRA AMARIZ (Bares)
Posiblemente de *Ficaria Amarici (ou Amalarici), forma en xenitivo de Amaricus (ou Amalaricus), nome do posesor medieval. Este nome, tanto Amaricus como Amalaricus, son de orixe xermánica (o cal non quer dicir que o posesor tivese tal orixe en absoluto).
Existe o topónimo "Amarigo" en Alba (Vilalba).
Alternativamente, aínda que menos probable, podería vir dun termo paleoeuropeo relacionado co tema *am-ar-, da raíz indoeuropea *am- 'canle', frecuente en hidrónimos.

FELGUEIRAS, AS (As Grañas do Sor, Mañón)
FILGUEIRA, A (Mañón)
FILGUEIRAS, AS (As Grañas do Sor, Mañón)
FILGUEIROSAS (Mañón -lugar do Outeiro)
Os topónimos "folgoso/a", "folgueiro/a", e tamén "felgueira" e "filgueira", moi comúns por toda a comarca, indican "lugar onde abundan os felgos". No caso de "filgueirosa" leva dobre sufixo.

FERVENZA, A (As Grañas do Sor)
Probabelmente indicando un "cachón", augas que caen en cascada.

FIOSA, A (As Grañas do Sor)
O termo "fiosa" tén dúas acepcións: 1)"feosa", "feal", lugar onde abunda o "feo" (cast. heno), por veces coincidente cun prado. 2)Lugar resguardado, preto das cimas. Cf. DdD.

FOLGOSO (As Ribeiras do Sor)
Os topónimos "folgoso/a", "folgueiro/a", e tamén "felgueira" e "filgueira", moi comúns por toda a comarca, indican "lugar onde abundan os felgos".
Figura no Dicionario de Madoz (1845-1850) como "FELGOSO".

FONDÓN, O (Mogor)
O lugar máis profundo, depresión no terreo, terras fondas rodeadas de terreos máis altos.

FONTAO (Bares)
Podería derivar de (agru) fontanu, derivado de fons "fonte" (Cf. A. Moralejo, "Toponimia gallega y leonesa").

FONTE DAS GALIÑAS
 (As Grañas do Sor)

Ver "A GALIÑA".

FONTE da SARNA (Mogor)
Parece que lle chamaban así porque a ela acudía a xente coa doenza da sarna, para fretarse contra dunha pedra que se dicía que tiña propiedades curativas contra tal doenza. Cf. aquí.
Hai moitos hidrónimos, en particular fontes, que se chaman da "sarna", así unha en Viveiro (ver Toponinmia de Viveiro).
Nalgúns casos, parece que se relacionaban as fontes sulfurosas como curas da sarna. Cf. o texto de 1768 sobre o lugar de Cortegada: "A la distancia de un largo tiro de piedra de esta está de la primera fuente mineral, a quien antiguamente llamaban de la Sarna, y al presente de la Piedra. El auga es clara, con olor y sabor de Azufre; bañando en ella una moneda de Cobre, toma color azul, y si es de Plata, le adquiere azul muy obículo."
É interesante subliñar que o termo "sarna" é relacionado con outros de orixe prelatina (incluído "Sor").

FONTE CEGA, A (Mañón)
Podería pensarse no adxectivo "cega", do latín caecam, no sentido de fonte "atascada, atrancada, tapada".
No entanto, semella haber moitas fontes e ríos "cegos" na bisbarra: ademais de en Mañón, atopamos "Fonte Cega" en Fazouro, Cangas, Nois, San Martiño de Mondoñedo, así como unha "Congostra Cega" no Valadouro (nunha zona de prados), ou o "Rego Cego" en Cordido.
Tendo en conta esta frecuencia en hidrónimos, e soamente en hidrónimos, semella probábel unha orixe distinta.
O filólogo E. Bascuas estudou este caso, aportando unha razón máis: no caso do "río Cego" (Valladolid) non ditongou en **Ciego, proba de ter unha orixe distinta.
En efecto, E. Bascuas interpretou estes hidrónimos como de orixe na forma prerromana *kei-ka, provinte da raíz indoeuropea *kei- 'cor' (xeralmente escura), ou *kei- 'mover, moverse'. Cf. páx. 272 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

FONTE do PIMPÍN, A (Mañón)
Probablemente de orixe en onomatopeia, remitindo (talvez algo xocosamente) a unha fonte de pouco caudal, que "pinga", polo cal se costuma pór unha "pimpela" pola que discorre o fío de auga.
É un topónimo relativamente frecuente na contorna, con lugares ou fontes "Pimpín" nas Ribeiras do Sor, en Mañón, en Celeiro, nas Negradas, etc, parece confirmar esta hipótese.
Esta hipótese parece confirmarse tendo en conta que en asturiano unha pimpana é unha fonte que mana gota a gota (=que pinga). Cf. aquí.

FONTEÍÑA, A (Bares -Vila de Bares)
Fonte pequena, diminutivo de "fontá" (fontaíña > fonteíña). Alude, por tanto, a unha 'fontela, fonte que ten un caudal moi escaso'.
É un topónimo relativamente frecuente, así o Nomenclator rexistra por exemplo Fontaíña no veciño concello do Vicedo, así como Fontenla, Fontela neste concello.

FONTELA, A (Mañón -lugar da Casanova)
FONTELAS, AS (Mañón)
FONTENLA, A (As Grañas do Sor)
FONTENLAS, AS (As Grañas do Sor)
As voces "fontela" e "fontenla" fan alusión a unha fonte que ten un caudal moi escaso.
Son formas derivadas do latín fontanella(m) ou directamente do romance fontá 'fonte', co antigo sufixo diminutivo -ela.
É interesante observar como en parroquias veciñas se conservan as variantes con e sen nasal.

FORCADAS, AS (As Grañas do Sor, Bares)
A  aplicación na toponimia, deste e doutros derivados de "forca" ( "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña", "Forqueta") é relativamente frecuente, referindo xeralmente a unha bifurcación de río ou regato.
Noutros casos podería referir a bifurcación dun camiño, ou de montañas; neste último caso, sería no sentido de "desfiladeiro". A acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.

FORO, O (Mañón, As Grañas)
Indica unhas terras suxeitas a un foro.
O termo "foro" tivo en Galiza o significado de ‘dominio sobre unha propiedade’, e daí pasou a ter o de logo ‘Contrato consensual, comunísimo en Galicia en pasados tempos, polo que unha persoa cedía a outra, ordinariamente por tres xeracións, o dominio dunha cousa inmoble, mediante certo canon o pensión anual" (cf. E. Rodríguez, Dicionario).
Decía Sarmiento 

    "Sobre todo hay en Galicia aquella especie de arriendos que llaman foros. Foro es dar a uno una posesión que la cultive y usufructúe por el tiempo de tres generaciones. Hoy solo se hacen por tres vidas de reyes, pero en lo antiguo se hacían los foros por tres vidas de particulares y veintinueve años más..." (cf. "Onomástico etimológico de la lengua gallega", ed. de J. L. Pensado).

FOXO, O (Bares)
FOXO VELLO, O (Mañón)
O apelativo "foxo" vén do latín  fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. En efecto, o uso máis frecuente de foxo estaba ligado á caza. Di Viterbo: 

              "era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras".
Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento  de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a Xoán Martínez, veciño de San Pantaión e Luís Dapena, labrador de Riobarba, por non acudiren a pechar o foxo.  Os veciños tiñan o labor 

             "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999)

FRÁDIGA, A (Mogor)
Unha "frádiga" é unha "casa de frades, convento". Tería pertencido este lugar, xa que logo, a un convento. O feito de que tal convento existiu, e aínda existe, en Mogor, parece confirmar esta interpretación.

FRAGA da FILIPA, A (As Grañas do Sor)
A fraga dunha posesora chamada "Filipa".

FRAIXO, O (Mogor -lugar de Fraixo)
Probablemente, do latín fraxinus 'freixo'. No caso do topónimos con nome de árbore en singular, costuman interpretarse como referindo a unha colectividade deles. Indicaría, por tanto, un lugar onde abundaban os "freixos".

Este núcleo de poboación aparece documentado no século XVII, co nome "Freixo", como parte das posesións dos dominios territoriais do Priorato de San Miguel das Negradas. Cf. p. 178 de C. Burgo. "Un dominio monástico mindoniense: el Priorato de San Miguel de las Negradas en la Edad Moderna", in "Estudios mindonienses" Nº. 2, 1986.
Hai outro "Fraixo" no concello de Xermade, e tamén corresponde cun núcleo de poboación.

FRANCO, O (Mañón)
FRANCOS, OS (Mañón)
No caso do núcleo de poboación d'Os Francos, aludiría a unha "(vila d)os Francos". Os topónimos "Franco" ou "Francos" poderían aludir a poboadores de alén dos Pirineos ou de Cataluña. Tamén poden aludir a poboadores exentos de pago de impostos. 
Tampouco podemos descartar que, nalgúns casos, simplemente remitan ao apelido (ou alcume) do antigo posesor do predio. De feito, un dos núcleos orixinadores do apelido Franco está no veciño concello de Ourol, co cal a probabilidade é maior.
Para máis detalles, ver entrada do blog Pena da Cataverna.

FREITIDO (Mañón)
Posibelmente indicando existencia de "freitas" 'fractura, quebradas, fendas no terreo, corrimentos de terra'. Sería por tanto o mesmo que os frecuentes topónimos "Freitoso" que atopamos en Galiza.

Aínda sen coñecermos ben ese terreo, non coñecemos a existencia de quebradas neste lugar, xa que se trata dunha lomba de terreo, non rochoso. Podería tratarse, sendo un lombo de terreo, que nun determinado momento tivese canles cavadas pola erosión da chuvia, e desas canles o nome de freitido, como "abundancia de freitas".

FREIXO, O (Mañón)
Do latín fraxinus 'freixo'. No caso do topónimos con nome de árbore en singular, poden referir a unha árbore que se usaba como referencia de linde ou marco, aínda que tamén costuman interpretarse como referindo a unha colectividade deles.
É un topónimo frecuente en Galiza.

FUXÍN GRANDE (Mañón)
De (uilla) Fugini, forma en xenitivo de Fuginus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola").
O nome persoal Fuginus está atestado na Hispania. Cf. Hispania Epigraphica aquí.

GALDOS (Mañón)
Talvez correspondendo a un lugar antigamente pertencente a unha persoa orixinaria de Galdo ou apelidada Galdo. Ver entrada "Galdo" no blog sobre Toponimia de Viveiro para máis detalles aquí.
Alternativamente, podería indicar a existencia dun apelativo "galdo".
O nome, antigamente debeu levar artigo, de feito, aínda figura recollido "A Leira dos Galdos", localizada neste lugar de Mañón.

GALIÑA, A (As Grañas do Sor)
Alén dun posible significado relativo a algunha anecdota ou lenda que descoñecemos, os topónimos "galo", "galiña" ou "galiñeiro", pese ao significado obvio de "ave", non parecen encaixar na maoiría dos dos casos, e moitas veces a súa localización está relacionada con formacións rochosas. Proviría do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver blog Pena da Cataverna para máis detalles.
Alternativamente, Cabeza Quiles vincula os topónimos "Galiñeiro" e "Galiña" con formacións rochosas que lembren a cresta deses animais ou fainos derivar tamén da raíz prerromana indicada.

GALLADAS, AS (As Grañas do Sor)
Derivado de "gallo", no sentido de "bifurcación". Descoñecemos se se refire á orografía, a ríos ou a árbores. 

GALVÁN (As Grañas do Sor)
Ao tratarse dun topónimo menor, podería referirse ao alcume dun antigo posesor.
Como atopamos ademais "Ponte Galván" (Mañón) e "As Cabeceiras de Galván" (As Grañas), semella máis probable que estes Galván estean ligados ao antropónimo homónimo, que vén do francés Gauvain, á súa vez do galés Gwalliadvwyn 'cabelo brillante'. A difusión deste nome viría a través da popularización dos ciclos artúricos na Península Ibérica. 
Boullón Agrelo indica que comezan a aparecer nos finais do s. XV, aínda que no caso concreto de Galván, o seu uso como alcume xa se atesta nos finais do s. XIII (cf. A. Boullón, 1998. "A influencia franca na onomástica medieval galega". In "Homenaxe a Ramón Lorenzo").

GÁNDARA VELLA, A (Mañón)
GANDARÓN, O (As Grañas do Sor)
GANDARÓS, OS (As Grañas do Sor, Mañón)
O apelativo "gándara", de orixe prerromana, ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan.
En canto a Gandarón, e o seu plural Gandarós, son aumentativos de gándara.

GARABULLA, A (As Grañas do Sor)
Garabullo (tamén "carabullo") é un pau pequeno e delgado.
En femenino, podería corresponder ben tratarse dun alcume (referido a "muller delgada"?), ou ben a "conxunto de garabullos" (="garabullada").
Nalgunhas zonas "garabulla" chámaselle a un pau de urce usado para alumar.

GARDUÑAS, AS (Mañón)
Podería corresponder co mamífero carnívoro dese nome.

GARITA, A (Bares)
Relativo a un posto de vixiancia costeira. Existen outros topónimos "garita" en moitos outros concellos galegos.

GOLDROS, OS (As Grañas do Sor)
O significado podería vir  de "goldra", unha planta que tingue de amarelo. Tamén podería referir ao alcume  dun antigo posesor, xa que "goldro" significa "algo suxo, porcaría" (cf. DdD).

GONDEXA, A (Bares)
Probablemente de *"as (terras) de Gundoegia", terras pertencentes a *Gundoegia, nome femenino de orixe xermánica, forma bitemática a partir do gótico *gund- 'loita' e '*-weig 'loita'. Aínda que non o atopamos atestado en Galiza na Idade Media, si que se atopa na toponimia, tanto galega como en Portugal, onde atopamos Gondeixe, en Ponte da Lima, para o cal Piel recolle como de orixe xermánica, aínda que deixa sen asignar orixe o elemento -eixe (cf. p. 30, J. Piel "Os nomes germánicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI).

GRANDARROIBA, A (As Grañas do Sor)
Composto de "Gándara roiba".
O termo "gándara" ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan. As tres formas Gándara, Gandra, Granda son comúns na toponimia de Galiza.
Neste caso, ao ser "roiba" ("ruba", vermella"), podería indicar un lugar de terras barrentas.

GRANXO, O (Bares -lugar do Porto de Bares)
GRANXÓN, O (Mañón)
O dicionario rexistra a acepción de "granxo" como "finca cercada e adicada polo xeral a monte" (cf. DdD).
No caso de "Granxón", estaríamos ante o aumentativo de "granxo".

GRAÑA dos CARUNCHOS, A (As Grañas do Sor)
O "caruncho" én un fungo que se reproduce nos grans do millo, do centeo ou do trigo. Viría do latín vulgar *curiunc'lu < curculiunculu (cf. Corominas)
Posiblemente neste caso "Caruncho" sexa xentilicio, dunha familia de apelido "Caruncho".
Sería por tanto "a granxa da familia dos Carunchos".

GRAÑAS, AS (As Grañas do Sor)
O vocábulo graña parece vir do latín granea 'granxa agrícola', derivado de granum 'gran'. 
Perdurou soamente na toponimia, pois na fala foi reemprazado máis tarde pola palabra "granxa", da mesma orixe latina. 
Aludiría por tanto a unha granxa. É interesante resaltar que estas "grañas" eran moitas veces dependentes dun mosteiro, para o cal producían alimentos.

Para esta localidade á que refire o topónimo, atopámola atestada no 1789  como "Grañas del Sor", tendo "Jurisdicción ordinaria por el Monasterio de Meyra, Orden de San Bernardo"  (cf. "España dividida en provincias e intendencias y subdividida en partidos, corregimientos, ..").

Unha das particularidads desta parroquia é estar dividida en tres zonas chamadas "cuadrillas" (de baixo, do medio e de riba). Xa tiña esta división sobre o 1850 cando Madoz o recolleu no seu dicionario, indicando que 
    "cuenta 263 casas en tres grupos denominados Cuadrilla de Abajo, de Arriba y de Enmedio"

GRUÑIDO, O (Mañón)
GRUÑIDO VELLO, O (Mañón)
O mesmo que "abruñido", lugar onde abundan os "abruños".
As variantes con g- para o nome desta árbore, existen desde antigo, como "gruñeiro", xa recollida por Sarmiento en Ourense. En efecto, aínda que "gruñido" non é recollido explicitamente nos dicionarios de galego, si figura recollido "gruñedo" co significado de "abruñedo"(cf. DdD E. Rodríguez. "Diccionario enciclopédico gallego-castellano").
O profesor Navaza recolleu este topónimo "Gruñido" de Mañón, coa acepción supradita (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
Existe un "Agruñido" en Galdo, e asemade, múltiples "Agruñedo", "Abruñido", "Abruñedo" noutros lugares da Galiza. Existe tamén o topónimo "Os Abruñeiros" nas Grañas do Sor.

GUEIMONDE de BAIXO (As Grañas do Sor)
O termo "Gueimonde" deriva de (uilla) Goimundi, indicando unha uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola) pertencente a Goimundo, nome de orixe xermánica. 
É importante notar que a orixe do nome non implica en absoluto que o posesor fose xermánico (suevo, visigodo), pois era práctica frecuente na Idade Media o uso de antropónimos de orixe xermánica.

INSUA, A (As Grañas do Sor)
INSUAS, AS (As Ribeiras do Sor)
Provén do latín insula 'illa, insua', que refire polo xeral, tanto no galego como no portugués, a unha illa ou península formada nun río.
No caso d'As Insuas, trátase dun núcleo de poboación localizado nun lugar cunha orografía en forma de couce, e rodeado por un rego, o "rego de Mogor", polo que forma unha península, confirmando a acepción xeral de "insua".

LAMA (As Ribeiras do Sor)
O termo "lama", sinónimo de "lodo", é un termo de orixe prerromana, pero moi presente aínda no galego actual, indica un terreo lamento, encharcado.
Este lugar figura no Dicionario de Madoz (1845-1850) con este mesmo nome.

LAMA TRAVESA (As Grañas do Sor, Mañón)
Indicando unha "lama" ("lameiro") cunha disposición transversal ás outras.

LAMA ROIBA (Mañón)
Indicaría un terreo lamento, encharcado, coa terra de cor roiba (ruba), apuntando a unha terra barrenta.
É un caso análogo ao do topónimo "Lamas Rubas" (Vieiro), o cal ten o nome alternativo de "O Barrido".

LANZÁS, OS (Bares -lugar da Vila de Bares)
Orixe incerta.
Podería ter unha orixe relacionada co "Lanzós" existente en Viveiro.
Alternativamente, indicando o alcume familiar dun antigo posesor. "Lanzal" significa "alto, esbelto, arrogante".

LEIRAS do SAIÑAL, AS (Mogor -lugar de Fraixo)
O Saiñal é un lugar da parroquia do Barqueiro. Unha "saíña", significa "salina", de "sal". Por tanto, "saiñal", co sufixo abundancial, sería un "lugar con sal".

LESTIDO (As Grañas do Sor)
Topónimo que remite a un lugar no que abundan as "lestas", planta da familia das gramíneas, Anthoxanthum odoratum. Cf. DdD.
O Nomenclator rexistra outro "Lestido" en Vieiro, así como un "Lastigueira" en Cabanas (O Vicedo) e outro en Ortigueira. Hai tamén un "Prado da Lesta" en Muras e "A Costa da Lesta" en Silán.

Xa en 1717 Sarmiento destaca a existencia desta planta nesta zona da Galiza: "Noté que hacia Pontevedra solo tiene un dedo de ancho la hoja. Hacia La Coruña tiene dos; y hacia San Andrés de Teixido, junto al cabo de Ortegal, tiene la hoja cuatro dedos de ancho, y allí está poblado de esa lesta olorosa el monte da Capelada".

LIÑARES (Mogor)
Fitotopónimo transparente, remitindo a terras nas que se cultivava o liño, aproveitando a boa calidade da terra.
A artesanía do liño tivo relevancia en Galiza, especialmente nas zonas do litoral e nalgúns vales do interior. O maior apoxeo desta industria artesanal deuse de mediados do século XVIII ata primeiro terzo do XIX. Neste período tecíase liño do país pero tamén de fóra, que entraba polos portos de Ribadeo, Carril e Vigo. Unha vez confeccionado o lenzo, era exportado para Castela e para América.

LODEIROS, OS (Mogor)
Referido a Lameira, terreo con lama .
Alternativamente, tamén pode referirse a terreo propriedade da familia Lodeiro. 
Pode tamén ser interpretado como apelativo, referindo á árbore tamén chamada "lamigueiro", "lotus". No entanto, é altamente improbábel, dada a frecuencia deste topónimo e o infrecuente desta árbore.

LOIXIZ (As Grañas do Sor)
De (uilla) Leodegisi, forma en xenitivo de Leodegisus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"). Cf. correspondencia con Miguel Costa.

LONGARELAS, AS (As Grañas do Sor)
Este topónimo  alude a (terras) longarelas, 'terras alongadas'. En efecto, "longarela" é diminutivo de "lóngara", o cal está recollido en galego co significado de "terreo de forma alongada" (cf. Rivas Quintas,  Frampas).
En canto á etimoloxía, termo "longara" xa aparece atestado en documentos galegos en latín do ano 936 (cf. CODOLGA):
      estremiro, ipsa terra que iacet de vallo usque in Longara, ipsa vinea cum suos pumares, et ipsa terra
Ao non aparecer atestado ningunha vez nin "longula" nin "longola", podemos pensar que non deriva de longula, senón directamente do sufixo -ara, tal como gándara.
Neste caso, é de reparar, xa que logo, o dobre diminutivo que presenta. Probablemente co pasar do temo seguiron sendo leiras estreitas, perdeuse o sentido diminutivo de -ara, e foille engadido un novo diminutivo, para volver a significar "un pouco longas".

LOUPEIRAS, AS (Mañón)
Probablemente remita ao nome do antigo propietario, que sería chamado ou apelidado "Loupeiro". O plural dun nome ou apelido é frecuente en topónimos galegos para referirse á propiedade dos descendentes dunha persoa.
A orixe do apelido Loupeiro estaría talvez en Leoparius, aínda que é apenas unha hipótese, sen base documental.

LOURIDAL, O (Mañón)
Lugar onde abundan os loureiros.

MADANELAS, AS (Mañón)
Finca da familia dunha propietaria "Madalena". O plural dun nome ou apelido é usado en moitos topónimos galegos para referirse á propiedade dos descendentes dunha persoa.

MADRÁS, AS (Mañón)
Talvez de "(terras) Maturanas", terras dun antigo posesor chamado Maturus, cognomen de orixe latina. No entanto, a orixe en "Maturanas" é apenas unha hipótese, sen base documental.
O Nomenclator rexistra tamén en Mañón un "As Regas da Madrá".

MADRUGAS, AS (Mañón)
Probablemente remita a "as (fincas de) Madruga", referido ao apelido ou alcume dun antigo posesor. O plural dun nome ou apelido é frecuente en topónimos galegos para referirse á propiedade dos descendentes dunha persoa.

MALATE (As Grañas do Sor)
Posiblemente relativo a "malatos", persoa con enfermidades na pel, incluíndo a lepra.
Alternativamente, nalgún caso, podería interpretarse como de orixe prerromana, derivada da raíz indoeuropea *mel- 'saír, elevación, curvatura, ribeira'.
Para máis detalle, ver entrada específica no blog Pena da Cataverna.

MALVIDE (Mañón)

Este topónimo "Malvide" de Mañón foi xa analizado por Gonzalo Navaza, que o interpretou como "malvido", lugar onde abundan as malvas (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega"). O sufixo -ide para o abundancial non sería un caso excepcional, así e.g. en Xove existen os topónimos "Teixide", "Porride", e aínda "Punta Mexilluíde".
Poderíase aventurar de *(uilla) Malviti, dun posesor chamado Malvitus. No entanto, é apenas unha hipótese especulativa, o nome Malvitus soamente o atopamos atestado na península Itálica.
Noutro orde de cousas, a ponte de Malvide, ou "Ponte do Porto", consta de tres arcos de medio punto. Hai quen a remonta á época romana, aínda que posiblemente sexa medieval. No centro da ponte hai un miliario que sinala o límite entre as antigas provincias de Mondoñedo e Betanzos.

MAMUELAS (Bares)

De "mamoelas", diminutivo en plural de "mámoa", indicando a antiga existencia dun túmulo prerromano.

MAAÑÓN (Mañón)
MAÑÓN (Mañón)
A orixe do topónimo "Maañón", actual "Mañón" é incerta, aínda que parece fóra de dúbida que teña unha orixe prerromana. Existe o mesmo topónimo tamén en Portugal, coa correspondente grafía "Manhão".
No século XVIII atopamos a localidade xa atestada como "Maañón" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789). A forma "Maañón" non mudou para "Mañón" ata o século XX, habendo anída na actualidade persoas que conservan a pronuncia correcta.
Sostemos como hipótese a orixe nunha forma Malanio / Malanione (análogamente a casos como Malaco>Malagón), basado no tema prerromano *mal-, relacionada con ríos, costas e elevacións, e que, aínda que con certa controversa, deriva da raíz indoeuropea *mel- 'saír, elevación, curvatura, ribeira'.
En efecto, esta forma *mal- e os seus derivados foi tamén estudada por F. Villar, que sostén a orixe indoeuropea indicada, e que pon exemplos de toda a serie toponímica, tais como os múltiples "Malaño", "Malagón" (antiga Malaco), Málaga (antiga Malaca), e outros moitos. (cf  p. 45 e ss. de F. Villar, "Vascos, celtas e indoeuropeos. Genes y lenguas". 2005, aquí).

Segundo E. Bascuas, a raíz indoeuropea *mel- tería carácter hidronímico. Bascuas cita, ademais dos múltiples "Malagón" (un deles en Viveiro), e "Málaga", tamén outros galegos como "Mos" (de Malones), "Magoi" (Lugo), ou os numerosos "río Malo" e "río Mao" (cf. p. 83 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006).
Deste modo, o topónimo Mañón (< *Malanione) posibemente faría referencia á ribeira do rio Sor, ribeira cerca da que está situado o núcleo de poboación capital da parroquia.
A evolución sería totalmente coherente coa evolución do romance galego, pasando de *Malanione para "Mañón" coa normal caída do -l- intervocálico, a través dunha forma intermedia "Maañón", a forma en uso atestada até o século pasado .
Apoiando esta hipótese de *Malanione, atopamos "Puerto de Malañón", preto de El Escorial (Madrid), que sería o mesmo topónimo preservando o -l- intervocálico. Existe outro "Malañón" na provincia de Málaga (cf. aquí)
Está tamén atestado o nome Malanius na Italia, identificado por F. Villar tamén como derivado do tema *mal-.
É de notar a presenza na comarca de múltiples topónimos orixinados no mesmo tema *mal-. Así, temos "Malagón" (Viveiro), e talvez "Maladas" (O Vicedo, Viveiro), etc.

Non podemos rexeitar totalmente outras alternativas, aínda que semellen pouco probables, tales coo a de derivar dun *(uilla) Madanioni, forma en xenitivo de Madanionus, hipocorístico de Madanius, aínda que somente o atopamos rexistrado no Século XVII en Italia.

Outra hipótese, puramente especulativa, sería a de *Maganioni, dun posesor chamado *Maganius, do celta mag- 'grande' + Annius.
Tamén como pura especulación, podería provir de *Meganioni, dun posesor chamado   Meganius.

MANXARÍS, OS (As Grañas do Sor)
Posiblemente referindo a unhas terras pertencentes a unha familia orixinaria de Manxarín (Mosende, O Vicedo).

MARCO, O (As Grañas do Sor, As Ribeiras do Sor, Mañón)
MARCOS, OS (As Grañas do Sor)
A voz "marco" designa unha pedra fincada no terreo, sinalando un límite territorial. Posiblemente  aluda a un marco destacábel polo seu tamaño e antigüidade, talvez medieval, ou tamén un miliario ou incluso unha pedrafita ou menhir.

MARIÑAO, O (Mañón)
Referido á orixe do posesor, que proviría da Mariña.

MARTIXE (Mogor)
Esta zona, situada no lugar de Pumar de Vale, onde está o "Lavadoiro de Martixe", probablemente constituíse antigamente un núcleo de poboación que non perdurou ata a actualidade. De feito, corresponde con toda probabilidade co "Martisi", atestado en 1095: "per terminis de Martisi et Plapa Mala et exinde per Elduare et deinde per Rubito et per ripa maris usque ad estario" (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

A latinización que fixo o escriba non parece moi correcta, pois a orixe deste topónimo é probablemente unha uilla Martidiireferindo un antigo posesor chamado Martidiu(s)

MEDOÑAS, AS (As Grañas do Sor)
Unha medoña é unha mámoa ou sitio con tipoloxía similar.

MEIRA (Mañón)
A palabra "meira" é de orixe prelatina, posiblemente dunha forma *marya, dunha raíz indoeuropea *m'r,  relacionada coa auga estancada. Costuma estar aplicada a terreos encharcados, marismas.
Os topónimos "Meira" "Mera" e "Merán" son frecuentes en Galiza. Así, neste concello, hai un "Merán" nas Ribeiras e outro en Mañón.

MESTAS, AS (As Grañas do Sor, Mañón)
O topónimo "Mestas" ven de (aquas) mixtas 'mesturadas', indicando unha confluencia de ríos ou regatos.
Outros "Mestas" nos arredores aparecen no Monte (Xove), en Silán e na Curiscada (Muras).
Atopamos xa algo máis lonxe "Las Mestas" en Asturias e Cáceres, "río das Mestas" (A Coruña), "Ambasmestas" (León) e dous "Entranbasmestas" en Cantabria. En todos eles mestúranse as augas de dous ou máis ríos ou regatos (cf. aquí).

MENADOIRA, A (As Ribeiras do Sor)
O verbo "menar" significa "conducir, guiar", co cal significaría "a que guía, a guiadoira". Porén, descoñecemos o encaixe concreto deste significado co topónimo.

MERÁN, O (As Ribeiras do Sor, Mañón)
De "Monte merán", monte con "mera", "néboa miúda". A palabra "mera" é de orixe prerromana, dunha raíz *m'r- relacionada coa auga.
Os topónimos "Mera" e "Merán" son frecuentes en Galiza. O Nomenclator rexistra outros "Merán" por exemplo en Ambosores (Muras), nas Negradas, en Galdo, etc. 

MOA, A (As Grañas do Sor)
MOA VELLA, A (As Grañas do Sor)
Unha "moa" é unha pedra redonda, tanto a que se usa de pedra de muíño como a que se usa para afiar. Deriva do latín mola 'moa do muíño, muíño'.
Probablemente estea referido a un penedo de forma de moa, redondo, ainda que descoñecemos o lugar concreto.
Por veces, o termo "moa" é tamén usado por extensión (sinécdoque) para designar o "muíño" (xa ocorría en latín).

MOEMENTOS (As Grañas do Sor)
O termo "moimento", do latín vulgar monumentu 'erección conmemorativa', relaciónase na toponimia coa acepción de ‘túmulo, sepulcro’, acepción xa atestada nos clásicos.
Xa indicara Leite de Vasconcelos que os topónimos portugueses e galegos "Moimenta", "Muimenta" fan sempre referencia a vestixios arqueolóxicos (necrópoles, megálitos), polo xeral enterramentos, dólmens e túmulos. Tamén figura no portugués medieval coa mesma acepción (cf. "moimento" en Viterbo. "Elucidário").

MOGOR (Mogor)
Talvez derivado de Monachorum 'dos monxes' ou máis probablemente de orixe prerromana.
Tendo en conta a frecuencia de puntas costeiras na xeografía galega chamadas "Mogor", semella difícil que sexa casualidade e parece descartar a orixe en "dos monxes".
Ver explicación detallada >>aquí.
No século XVIII atopamos a localidade xa atestada como "Mogór" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

MONTE DO FORO (Mañón)
Ver "O FORO".

MONTEIRÓN (Bares)
Derivado de "monte". Xa figura atestado co nome de Montario no ano 916, nun documento do rei Ordoño II no que dona ao bispo de Mondoñedo a freguesía de Santa María de Mogor e o val de Bares. Cf. aquí (p. 20).

MONTEMEAO (Bares)
Composto de "Monte Meao". O termo "meao" era a forma medieval por "mediano, do medio". Por tanto, este topónimo indica "monte do medio", pola súa situación.

MORAO, O (Mañón)
Talvez derivado do nome dun posesor Moranus, se ben a presenza do artigo deixa dúbidas.
Como "curiosidade", indicar que unha publicación oficial da Xunta atribúelle unha orixe en "Morado"(cf. aquí).. Penso que é moi improbable, senón imposible: a perda do -d- intervocálico para o participio non se dá no galego máis que recentemente por influxo do castelán, co cal non sería o caso deste lugar.

MOREIRAS (Bares - Vila de Bares)
Este topónimo ten varias interpretacións, ningunha delas concluínte, aínda que a referencia a "conxunto de moreiras" sexa a máis probable.
En efecto, segundo Navaza, "Morás" trataríase dun fitotopónimo, o plural de "moral", lugar onde abundan as moras. O mesmo indica para "Moreiras" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").

Aínda que menos probable, outra hipótese é a da orixe na raíz hidronímica indoeuropea  *mar- / *mor- 'auga detida', ou tamén a raíz prerromana *mor(r)- , relativo a "pedra", de orixe talvez preindoeuropea, tal como ocorre coa palabra "morea".  De feito o  propio Navaza recoñece que non pode garantir que todos estes topónimos teñan valor fitonímico.

É un topónimo relativamente frecuente, atopamos unha  entidade de poboación deste nome na veciña Loiba, así como outra no Vicedo e outra en Foz.

MUIMENTOS, OS (As Grañas do Sor)
Ver "MOEMENTOS"

MUÍÑO de OCA, O (Mañón)
Un muiño pertencente a unha persoa de apelido "Oca". Este apelido, que ten un dos seus núcleos orixinadores no veciño concello  do Vicedo, probabelmente teña orixe detoponímica, nun dos varios lugares con este nome existentes, na actualidade ou no pasado. É un nome moi probabelmente de orixe prerromana, a partir dunha forma céltica *ok-ka, dunha raíz indoeropea *ak-/*ok- 'cortante, agudo'.
Esta forma foi estudada por E. Bascuas, como parte da interpretación dada para o topónimo "O Grove". Cf. E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17. Ver pp. 478 e ss. É de notar que, no estudo indicado, Bascuas rexeita explicitamente calquer relación co latín occa 'enciño, angazo'.
Este apelido, non moi común, ten a súa maior frecuencia nos concellos de Mañón e nos da Mariña Occidental, maiormente no de Viveiro. Hai tamén outra zona con frecuencia deste apelido arredor de Corcubión, na Costa da Morte.
Non coñecemos ningún núcleo de poboación con este nome e Mañón; polo contrario, hai varios Oca en Galiza: na Estrada (Pontevedra), en Coristanco, en Touro, en Ames. 
Fóra de Galiza, temos en Burgos os montes de Oca e a antiga diócese de Oca ("Auca"), e tamén o río Oca en Biscaia. No entanto, non garda relación cos Oca de fóra de Galicia, os cales  teñen unha orixe hidronímica en *auka  (que en galego daría *Ouca).

MUÍÑO de SABAÍDO, O (Mañón)
Un muiño pertencente ao "señor de Sabaído", no Barqueiro.

MUNÍN (As Ribeiras do Sor)
O nome deste lugar proviría dun antropónimo *(uilla) Monnini, forma en xenitivo de Monninus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola).

NABÁS (Mogor)
Plural de nabal. Un "nabal" foi orixinariamente un lugar apropiado para cultivar nabos, aínda que o nome pasou despois a ter un significado máis xeral de "terra moi frutífera” (cf. Taboada Cid).
Tamén Estraviz recolle a acepción para nabal de "a mellor terra" (cf. I. Alonso Estraviz, 2002. "Léxico não registado nos Dicionários Galegos" in Agália n.69 e 70).

NARAÍS, OS (As Grañas do Sor)
Probablemente derivado da forma prerromana *nar-,  derivada da raíz indoeuropea *ner- ‘penetrar, mergullar’ (IEW 766), frecuente na hidronimia. De feito, neste caso trátase dunha zona de prados.


Atopamos na Coruña o Naraío, afluente do río Xubia e tamén unha localidade de San Sadurniño. Tamén Naraído (Trabada). Neiro é o nome dun lugar do concello de Santiago de Compostela. Temos tamén o río Neira (< Naria), que dá nome aos vales de Neira de Rei e Neira de Xusá, e na provincia da Coruña temos Neira de Abaixo e Neira de Arriba en Vedra.
Xa máis próximos atopamo Naraseixo no Valadouro, ou os coñecidos Narón, Neira . En León atopamos o río Naraya, do cal deriva Camponaraya.


NAVALLO, O (Mañón)
Posiblemente derivado de "nava" (chaeira rodeada de montes), do mesmo modo que se rexistra o topónimo "Os Covallos", derivado de cova.
Este apelativo aínda está vivo en portugués, na zona de Trás-os-Montes, onde "navalho" é "pedaço de terreno húmido entre as searas que se não cultiva para que dê erva" (cf. aquí), e tamén o salmantino "navazo" 'valle pantanoso' e o aragonés "navajo" 'balsa para el ganado'. 
O Nomenclator rexistra preto outro "Os Navallos" en Riobarba, outro en Boimente, en Muras, etc.

ORTEGA (Mañón)
O dicionario defíneo como sinónimo de "ortiga", non fica claro a evolución desde o latín urtica, nin se rexistra nin na fala nin na toponimia máis "ortega".
Pode interpretarse como termo de orixe prerromana, nun tema prerromano *ort- ou *urt-, do que derivarían tamén outros topónimos como “Ortoño” (Ames), este cun sufixo -oño polo xeral ligado á toponimia de orixe prerromana. Esta mesma orixe tamén propoñemos para os topónimos dos cabos “Ortabade” e “Ortegal” (cf. X. L. González. "Apuntes da toponimia de Cariño", in "Terras do Ortegal" núm 2, 2015).

PALANCATES, OS (Mañón -lugar do Seixo do Chao)
Un "palancate" defíneo o dicionario como 'empalizada ou estacada' e como ' poste colocado á beira do mar ou dun río para amarrar nel os cabos'. Cf. DdD.

PALLOZAS, AS (Mañón -lugar das Pallozas)
Derivado de "casa palloza", tamén chamada "pallaza", construción típica con teito cónico de palla de centeo. O teito de palla precisaba ser renovado cada 15 anos, con palla nova de centeo (un grosor duns 40cm, cf. aquí).
Ao ser un topónimo, parece indicarnos que, cando se comezou a chamar así, o teito de palla non era xa o máis común.
As "casas palhaças", citadas en Gil Vicente ("Auto da Feira"), son casas cubertas de palla de centeo, análogas en significado ás pallazas ou pallozas dos Ancares. A denominación de "casa pallaza" é tamén frecuente en documentos notariais de Zamora e Salamanca. Cf. aquí.

PANDA, A(Mañón)
PANDA DO FOXO, A (As Grañas do Sor)
PANDA DA GRANDERROIBA, A (As Grañas do Sor)
PANDAS, AS (Mañón -lugar do Castro)
Unha "panda" designa un terreo combado ("pandado").

PANDELLA, A (Bares -lugar da Vila de Bares)
Diminutivo de "Panda". Ver "PANDA, A".

PARDIÑAS (Bares)
O topónimo "pardiña" deriva do latín parietina "casa en ruínas, paredes", e despois pasou a ter un significado de "devesa ou terreo acoutado".

PARDIÑEIRA, A (Bares -lugar da Vila de Bares)
PARDIÑEIRAS DE DENTRO, AS (Mogor -lugar de Pumar de Vale)
Lugar deshabitado, similar a "pardiñeiro": casa arruinada e destartalada (cf. dicionario). En portugués existe pardieiro, co mesmo significado que "pardiñeiro".
Outra posible acepción é a de conxunto de "pardiñas" (devesa ou chousa, cf. dicionario), lugar de devesas.
O topónimo "Pardiñeira(s)" é frecuente en Galiza. O Nomenclator rexistra en Mogor "As Pardiñeiras", "A Pardiñeira" en Riobarba e mais en Covas , en Celeiro "Pardiñeiras", en Covas "Os Pardiñás", etc.

PASADA, A (Mañón, As Grañas do Sor)
PASADA DO REGO, A (Mañón)
O apelativo "pasada" indica un "lugar de paso do río, xeralmente a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña". Esta acepción consérvase na toponimia de toda a zona: en Viveiro, en Muras ("A Pasada do Río", "A Pasada do Portancho", "A Pasada do Cal do Medio", ..).

PEDRÓN,  (Mañón)
PEDRÓN DE BAIXO, O  (As Grañas do Sor)
PEDRÓN DE RIBA (As Grañas do Sor)
Os dicionarios galegos inclúen "padrón" e "pedrón" como "Marco; poste de pedra alta e grosa que serve de indicador ou sinal" (cf. L . Carré, DdD). 
Igual significado é recollido no portugués antigo "marco ou marcos de pedras altas que ainda hoje vemos nos antigos coutos" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).

Para o apelativo "pedrón", Eladio Rodríguez indica que
      "llaman también así nuestros campesinos al menhir". 

Aínda que puntualiza Filgueira Valverde en que 
     “no siempre el topónimo indica un monumento prehistórico, puede tratarse de un miliario, de un hito liminar o sencillamente de una “piedra hita” natural”. Cf. X. Filgueira Valverde e A. García Alén. , 1977. "Inventario de monumentos megalíticos. .."

En calquera caso, aluden a unha pedra singular, probablemente arqueolóxica, un marco, un menhir, un miliario. É análogo ao portugués pedrão ou padrão, para os que Machado (DEP) dá a seguinte atestación do século XIV: 
          “acharom sobre uũ pedram letras escritas dentro da pedra”.

Estes topónimos foron tamén analizados por J. Moralejo coas mesmas conclusións (cf. J. Moralejo, 2007. "Callaica Nomina") con similares conclusións.

Por outro lado, o termo petronus está tamén rexistrado no latín tardío, e Du Cange dálle o significado de acervus lapidum 'morea de pedras' (cf. Du Cange. "Glossarium mediae et infimae latinitatis"  aquí).

Finalmente, indicar que Corominas apunta a posibilidade de que algún deles remonte na realidade a un celtismo petronu, adxectivo formado sobre petru, que nas linguas celtas é o número "catro", en referencia a unha encrucillada ou xuntanza de catro camiños (cf. Corominas, DCECH, s.v. padrón).

PEIZÁS (Mañón)
Forma evolucionada de "Painzás", plural de "painzal", lugar onde se planta o paínzo, o millo miúdo, cultivo que foi despois sustituído polo millo traído de América. É por tanto un topónimo relativamente antigo, de varios séculos atrás.

PENA DA VELA, A (As Grañas do Sor)
Probablemente "vela" teña aquí a acepción de "vixía, sentinela", indicando posto de vixilancia.
Existe unha grande cantidade de topónimos "Pena da Vela" (e.g. en Muras e no Vicedo), "Monte da Vela", que confirman esta orixe. Descartamos, por esa razón e para este topónimo, asignarlle a orixe que Nicandro Ares propón para outra "Vela", derivándoo do antropónimo xermánico Vegila.

PENA da SILGADA, A (As Grañas do Sor)
A orixe e o significado do nome "silgada" son incertos.
Relacionada coa Fonte da Silagada.

PENA da CORNA, A  (As Grañas do Sor)
Ver "A Corna".

PENA de BUSTELO, A (Mañón)
Bustelo é o diminutivo de "busto", "curral do gado (vacún)", "lugar para pasto", "rabaño de gado vacún".
O lingüista J. Piel matizou que especialmente se refire a “pastos altos, pastos de verán”, citando a Sarmiento, que xa adiantaba as mesmas ideas.
Gonzalo Navaza, na súa Toponimia de Catoira, di que os topónimos Busto e Bustelo naceron na Alta Idade Media como granxas ao cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor. Neste sentido, e seguindo a J. Moralejo, Miguel Costa deriva bustum do composto proto-céltico *bou-st-om 'estancia para as vacas' (cf. Frornarea), á súa vez derivado da raíz indoeuropea *gwōw- 'vaca' (IEW: 482).

PENA do CARRAPUCHETE, A (As Ribeiras do Sor)
Carrapuchete deriva de "carrapucho", que pode ser un "carapucha" (=cast. "caperuza"), e por tanto aludir á forma da pena, ou ben indicar a existencia de "carrapuchos", unha planta, pode ser a Chondrus crispus ou ben o couselo. Cf. DdD.
Sería, posiblemente, "a pena con forma de pequena carapucha".

PENAGRADE (Bares)
Probablemente de "Pena Grade", cunha orixe en pinnam Grati, forma en xenitivo do cognome latino Gratus, que indicaría o antigo posesor.

PENAS do CARNEIRO, AS (Mañón)
O máis probable é o significadeo transparente, referido a un posesor co alcume "Carneiro" ou un topónimo anecdótico relativo a un "carneiro".
Podería provir do 
Tampouco podemos descartar un significado diferente, con orixe no céltico *karn- 'pedra, rochedo', o cal encaixa con este topónimo. Cf. aquí.

PENA VERDE, A (As Grañas do Sor)
O termo "Verde" pode corresponder co significado transparente de "pena de cor verde", igual que existe "Penamoura", "Penarruba", "Penalba". Esta hipótese parécea confirmar a existencia do topónimo "Penas Verdes" no lugar de Curralvello.

Cremos descartábel, seguindo a opinión de Bascuas, a orixe alternativa que autores como N. Ares lle dan, nun Pinnam Viridii, dun posesor chamado Viridius, nome de orixe latina. En efecto, E. Bascuas rexeita totalmente esta orixe, tanto pola alta frecuencia de topónimos "Verde" (Vilaverde, Castroverde, etc) que "nada autoriza a supor que teña unha orixe e sentido distinto do que parece [, referido á cor verde]". Cf. pp. 482 de E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17.

PENA XEÁN (Bares)
Esta a pena  xa está documentada no ano 916, como "pinnam Iuliani", nun documento do rei Ordoño II que dona ao bispo de Mondoñedo a freguesía de Santa María de Mogor e o val de Bares. Cf. aquí (p. 20). 
O termo Iuliani é a forma en xenitivo de Iulianus, indicando o nome do antigo posesor. Tamén podería vir de "Pinna Egilani", Pena de Egila, antropónimo de orixe xermánica. De feito, Nicandro Ares menciona un topónimo Xián, en Taboada, documentado como Egilani (cf. N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol I).

PEREIROS, OS (As Grañas do Sor, As Ribeiras do Sor, Mañón)
PEREIRO, O (Varios)
A súa orixe pode ser de pirariu, da árbore que da peros. Nalgúl caso podería remitir a un petrariu ''lugar pedreiro, pedregal'.
Aínda podemos tamén pensar nun antigo posesor do lugar que tivese tal apelido ou alcume.
Sería preciso dispor de documentación antiga ou do coñecemento da orografía da zona para diferenciar parte deles.

PERTEGÓN, O
 (Mañón)

Derivado de "pértega" ("vara").

PETEIRO, O (As Grañas do Sor, Mañón, Mogor)
PETEIROS, OS (As Grañas do Sor)
O apelativo "peteiro" indica un elemento que sobresae no terreo, por exemplo unha zona de herba alta ou incluso unha morea de mollos. Neste sentido, tamén pode ser unha "mota" ou "motillón".

PICHEIRA, A (As Grañas do Sor)
Alusión a un "cachón", unha "pequena fervenza". Así, existen en Galiza as fervenzas chamadas "A Picheira da Seara" e "Picheira do Fócaro" en Quiroga, "A Picheira de Vieiros" en Ferramulín (Courel).
Aínda que os dicionarios de galego non rexistran esta acepción, si rexistran "pincheira" e "ficheira" con esta acepción. Tamén se rexistra "picho" como o cano da fonte ou de desaugue, e Sarmiento definíao como "pocito de agua que está alrededor del gorgullón de agua".
O nome "picheira" si está documentado en portugués, e é o mesmo que "pichel", "xarra para sacar o liquido das cubas de viño".

PIMPELA, A (Mañón)
O mesmo que pipelo e pimpelo, remite a unha unha fonte de pouco caudal, fontaíña da que mana un fío de auga ou que pinga, simplemente. cf. DdD.
Nesta zona, a voz "pimpela" designa unha especie de conduto en forma de cano que sae da fonte e polo que mana a auga. Tamén se rexistran nesta zona os topónimos "(A Fonte do) Pimpín" referidos onomatopeicamente (e talvez algo xocosamente) ao caer da auga pinga a pinga.
Tamén se rexistra en Asturias a voz "pimpana", designando unha fonte que mana gota a gota (=que pinga). Cf. aquí.

PIMPÍN, O (As Grañas do Sor, As Ribeiras do Sor)
Ver "A Fonte do Pimpín".

PIÑEIRO (Mañón)
O nome deste núcleo de poboación deriva dun fitónimo, indicando a existencia da árbore deste nome. Tal como ocorre neste caso, na toponimia é frecuente atopar este nome en singular, o cal pode aludir a un piñeiro illado que constituía unha referencia no
territorio, nalgúns casos como linde. Tampouco se pode descartar que, aínda que figure en singular, se refira a un piñeiral e non a unha única árbore. 

PIORNO, O (As Grañas do Sor)
O "piorno" é un arbusto similar ao "codeso" (cf. DRAG). Nalgunhas zonas tamén se chama "piorno" ao hórreo.

PISÓN, O (As Grañas do Sor, Mañón, Mogor)
PISÓS, OS (As Grañas do Sor)Un "pisón" é similar a un "batán", máquina composta de grandes mazos que xiran para pisar os tecidos e darlles maior consistencia.

PLANTÍO, O (As Grañas do Sor, As Ribeiras do Sor, Mogor)
Nome abundancial de plantas en xeral. Así é interpretado por Navaza como "lugar onde se plantaron vexetais recentemente" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
Probablemente unha parte dos topónimos "Plantío" remitan a "Plantíos Reais", que tiñan o obxectivo de prover  madeira aos estaleiros da Armada.  Indica Carlos Breixo a constancia da existencia dos Plantíos Reais en Galiza a partir do reinado de Filipe II. As árbores que se plantaban nesta zona eran dous tipos de carballos, freixos, e nogueiras.  Cada veciño da freguesía na que había un Plantío Real tiña a obriga de plantar un número determinado de árbores e coidalas durante uns vinte e cinco anos (cf. C. Breixo, "A vila das Pontes no catastro do Marqués de Ensenada" in Hume n. 8). Os Plantíos Reais desapareceron como tales no século XIX, ao ser vendidos por non se usaren xa para os buques da Armada.

Por outro lado, é interesante a acepción de ‘terreo de castiñeiros’ que recolle Marqués Valea na zona de Trabada (cf. X. Marqués, 2004. "A toponimia de Trabada"). 

POLAIMOS, OS (Mañón)
Posiblemente referido a "Pelamio", indicando un lugar onde houbo curtidorías de peles, ou tamén referindo a posesores que foron curtidores de peles.
É un topónimo frecuente, incluíndo as formas "Pelaimo" e "Palaimo". A pronuncia "-o-" por "-e-" é común na articulatoria galega das vocais átonas. Así, existe, por exemplo, "Palaimo" en Ourol.

POLAINOS, OS (Mogor -lugar de San Fiz)
Talvez dun alcume familiar.
Alternativamente, deturpación de "Polaimos" por interferencia do nome "polaina". Ver "Os Polaimos".

POLEIRO, O (Mogor -lugar da Devesa)
O termo "poleiro" significa "galiñeiro", "pau no galiñeiro onde se pousan as galiñas".
Podería ter sido un alcume familiar, tal como ocorre en moitos topónimos en plural destas características, indicando por tanto a antiga pertenza á familia dese alcume.

PONTE DO PORTO, A (Mañón)
Topónimo transparente, referido á existencia dunha ponte nun "porto" de río. Ou sexa, antes da existencia da ponte xa se usaba o lugar como vao, por onde cruzar o río.
En efecto, os dicionarios de galego rexistran as tres acepcións de porto, tanto a de "porto de mar" como a de "vao no río, sitio por onde se pode atravesar" e a de garganta por onde se atravesa un monte.
Por outra banda, é interesante reparar que Ferreira Priegue vencella os Portos con postos nos que se cobraba  un portus, unha pasaxe,imposto ao tráfico de mercadorías : "En el imperio romano un portus era un puesto fiscal donde se pagaban impuestos de circulación y tráfico de mercancías (portorium) de tipo de los posteriores peajes y portazgos". Cf. E. Ferreira 1988. "Los caminos medievales de Galicia".  Ourense 1988.
Houbese ou non "imposto de pasaxe" neste lugar, no que antigamente había un núcleo de poboación, sitúase unha antiga ponte que cruza o río Sor que podería tratarse dunha ponte medieval, pertencente ao antigo camiño real entre Viveiro e Ortigueira.

PONTE GALVÁN (Mañón)
Ver "Galván".

PORFERO (Mogor)
Posiblemente de "Porto fero", tendo "fero" neste contexto un significado de "salvaxe, áspero". 
Alternatívamente, podería ter derivado de "Pero Fero", sendo "Pero" arcaísmo por Pedro, e "Fero" un apelido ou alcume.

POR DA TRONCA (As Ribeiras do Sor)
Posiblemente de "Porto da Tronca", talvez no sentido de cruce de río a través dun tronco grande ou unha "pontiga" de madeira basada nun tronco grande. A forma en feminino "tronca" actuaría como aumentativo, tal como os múltiples casos como "sacho"/"sacha".

Reforzando o postulamento anterior, hai un "Porto dos Troncos" en Vilalba e unha "Ponte da Tronca" en Regosangüento, en Lago (Xove).
Apoiando esa interpretación temos tamén no Dicionario de Madoz (1845-1850) a frecuente alusión ás pontes feitas de troncos. Por exemplo, na entrada correspondente a Avedillo: "le cruzan [a un arroio] 2 estrechos pontones de maderos, que solo sirven para el paso de las personas".

Este topónimo figura recollido por Navaza na súa obra de fitotoponimia, con similar interpretación para "tronca", e o conxunto interprétao como "Pedra da Tronca" ou "Porto da Tronca" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

Como terceira interpretación, aínda que menos probable, cabería pensar nun "Pero da Tronca", correspondendo "Pero" á forma arcaica de "Pedro", e  "Tronca" sería apelido ou alcume.
Existe tamén unha poboación chamada "A Tronca" en Cambados, e aparecen tres microtopónimos "A Tronca" en Toén, en Tomiño e en Ribeira de Piquín, así como un "As Troncas" en Foz.

PORMAIO (As Grañas do Sor)
Posiblemente derivado de "Porto Maio". A existencia dun "Porto Maio" no concello de Aranga parece confirmar isto, así como a de "Casmaio" en Cervo.
O termo "porto" pode referir tanto a "paso de montaña" como a "pasadoiro dun río".
Alternativamente, tamén podería derivar de "Pero Maio", onde "Pero" é arcaísmo de "Pedro", e "Maio" sería apelido.
O Nomenclator de Galicia rexistra tamén outro "Pormaio" no Valadouro.

PORROS
, OS (As Grañas do Sor)
Posiblemente referido a porros, incluíndo non somente os allos porros senón tamén as cebolas e allos (cf. G. Navaza "Fitotoponimia galega").
Alternativamente, é preciso considerar que no oriente de Asturias rexístrase "porro" como 'elevación de terreo pouco pronunciada'. Corominas, a partir de Hubschmid, derivaba estes "porro" do céltico hispano *porra 'hinchazón', do celta *borr-. X. L. García defende tamén esta hipótese. Cf. comentarios aquí.

Tamén podería provir dunha raíz prerromana, co significado de "pastizal". Galmés de Fuentes, citando a Hubschmid, propón unha base *porra, *purra, *porro co significado de 'pastizal', indicando exemplos como Porroduno (Tarragona) < porro-dumum 'abundante en pastos'. Cf. p. 35 de A. Galmés. "Toponimia asturiana y asociación etimológica", 1986.

Descoñecemos a orografía do lugar; se fose terreo de penedos, podería ter un significado oronímico, tal como indicamos para "Pena Porreira" (cf. Toponimia das Pontes).

PORTO AMIGO (Mañón)
Neste caso, o elemento "Amigo" referiría ao nome do posesor, probablemente derivado do cognome latino Amicus (cf. Kajanto, 1982).
Alternativamente, poderia vir da mesma orixe, aínda que referindo ao apelido homónimo "Amigo".
Canto ao termo "porto", referiría neste caso a "paso de montaña", máis que a "pasadoiro de río"

PORTOCARAXO (Mogor)
Composto de "Porto Caraxo", onde "Caraxo" posiblemente proveña do antropónimo *Karasio, de orixe celta.
O termo "porto" pode referir tanto a "paso de montaña" como a "pasadoiro dun río".

POUCELAS, AS (Mañón)
Orixe incerta. Posiblemente aludindo a unha "finca propiedade das poucelas", sendo Poucel o alcume dunha antiga propietaria. Está rexistrado o termo "poucela" como sinónimo de "doncela".

POULAS, AS (As Grañas do Sor)
O apelativo "poula", do latín (ad) pabula, indica un terreo deixado inculto (cf. DdD).

POUSADOIROS, OS (Mogor)
Un pousadoiro é un poio ou similar para pousar a carga transportada ás costas e descansar.

PRADIEIRO, O (Bares)
O mesmo que "pradairo", do baixo latín platanariu, unha árbore (Acer pseudoplatanus). 

PREITO, O (Mogor)
Este termo viría referido ás disputas entre particulares polas lindes ou pola propiedade do terreo.

PRETOS, OS (Mañón)
O nome deste núcleo de poboación é transparente, referíndose á cor preta ou negra. O que é máis incerto é a motivación do topónimo.
O máis probable, ao ser un plural masculino que encaixa con apelido ou alcume, é que remita a unha familia que tería ese alcume, e que serían os antigos posesores do lugar.

PUNTA DO ALMEIRO (Bares)
O termo "almeiro" defíneo o dicionario como "lugar onde se xunta o peixe, lugar onde se xuntan as gaivotas", o cal pode encaixar neste caso.

Por outra banda, Bascuas estudou este topónimo, apuntando a unha orixe prerromana e precelta, no tema paleoeuropeo *alm- estudado por Krahe, con numerosos derivados en toda europa, derivado da raíz indoeuropea *al- 'fluír'. Cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

PUNTA do PREGUNTOIRO, A (Mogor -lugar de San Fiz)
Do latín medieval præcuntorium, sinónimo de promontorio' (cf. Du Cange).
 Os varios topónimos Preguntoiro  existentes na xeografía galega aludirían á situación do lugar nun saínte entre augas, sexa unha zona entre ríos, ou para os costeiros un promontorio. No caso que nos ocupa, corresponde claramente a un saliente, un estilo de promontorio, a punta que entra na ría, entre os rios centiño e Masma
Ver no blog A Pena da Cataverna a entrada específica sobre Preguntoiro para máis detalles.
Hai outro "O Preguntoiro" cercano en Couzadoiro.

PUNXEIRA, A (Bares)
O significado de Punxeira sería ‘lugar onde abundan os poexos’ (planta herbácea recendente de flores azuis ou moradas, propia de lugares húmidos)Por tanto, viría do latín pulegiaria, derivado de pulegiu ‘poexo, poexos’ (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").
Existe o topónimo "As Punxeiras" preto de Santiago, xa rexistrado con tal nome desde o séc. XVII.

QUEIMADO, O (Mañón)
Probablemente en relación con as actividades de cavar na roza. Cando se cavaba a roza, facían borralladas ao queimaren os toxos, etc, que servían de abono, para despois plantar centeo ou outros cereais.

QUEIXEIRO, O (As Grañas do Sor)
Este topónimo, igual que os relacionados Requeixo, Queixoiro, Queixada, Queixa,  son derivados do latín vulgar *capsĕŭm ‘da forma de caixa’. 
A motivación para o topónimo sería, por tanto, metafórica aludindo un lugar cun relevo de características análogas do "queixo" humano. ou sexa, cunha parte chá rematando nunha pendente pronunciada.
Etimoloxicamente, Edelmiro Bascuas interprétado doutro modo, e relaciona Requeixo co hidrónimo *rek-, tema que explica o termo rego e derivados (cf. E. Bascuas, 2000. "Rego y requeixo. Una pervivencia hispana de la raíz ind. er- ‘moverse", in Verba 27).
Tamén poderíamos interpretalo como "terreo pertencente a unha persoa referida como "Queixeiro", de oficio ou alcume, aínda que é máis improbable.

QUEINCEIROS, OS (As Grañas do Sor)
De "cainceiros", relativo a caínzos, talvez referido un lugar onde había caínzos ou ben referido ao alcume dos posesores do terreo. Un caínzo é un "tecido de varas", tanto onde se secaban as castañas como o que compuña as tañeiras do carro, etc.

QUINTAS, AS (Mañón, As Grañas do Sor)
Sendo plural e nun sitio de monte, non parece que veña de "quinta" no sentido de "casa de campo con herdade arredor", senón que podería ter derivado dunha partilla de finca efectuada a quintas, ou ben dun pagamento de foro consistente nas quintas partes do producido pola finca.
Sería un caso análogo ao de "As Tercias", que é tamén bastante frecuente na toponimia galega.
Este topónimo é relativamente frecuente en Galiza, como e.g. no Vicedo e en Burela.

RAÑA, A (As Ribeiras do Sor)
Unha "raña" costuma ser un lugar pelado e pedregoso. No dicionario figuran dúas acepcións de "raña" que encaixan como topónimo: "Terreo alto e de monte pobre". "Rápido desnivel no leito dun río de fondo pedregoso".
O sentido topónimico, en opinión de Menéndez Pidal, sería "sitio raído ou arrastrado por acción erosiva das augas o por un desprendimento de pedras".

E. Rivas e outros suxeren para o topónimo unha raíz prerromana *ra-, *ro- que daría lugar a unha familia de palabras relacionadas con "rañar", "arrasar", etc. Cf. E. Rivas "Toponimia de Marín".
Ver aquí e aquí para unha discusión máis ampla.

REDIZ (As Grañas do Sor)
De (uilla) Retici, forma en xenitivo de Reticus, que fai referencia ao nome do antigo posesor desta antiga uilla ("explotación agrícola").

REDONDELA (Mañón)
O significado directo de "Redondela", diminutivo de "redonda", podería explicar este topónimo: unha pequena uilla ou lugar de forma "redonda".
Porén, o termo "redonda", alén do seu significado obvio, tamén é empregado en galego co significado "zona ou territorio que depende e se relaciona cunha poboación, pero que se encontra afastada do centro". Por tanto, neste caso sería sinónimo de alfoz, arrabalde ou barrio, entre outros. Cf. P. Martínez, 2010 aquí.
Outra acepción posíbel do termo "redonda" tamén podería ser a que indica E. Rivas: "Zona de terreno delimitado y su documento de apeo con deslindes y demás particulares".

REGA, A (As Grañas do Sor, Mañón)
Este topónimo, moi frecuente en Galiza, ademais da acepción evidente de "regadura, o acto de regar",  ten outras varias acepcións, a maioría relacionadas con regatos e os vales ou cárcavas polas que discorren, así como por extensión a de "terreo pantanoso". 
Tamén é definida  como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego.

É xeralmente admitida unha orixe pre-romana, dunha raíz "paleoeuropea"  *rek-. Para unha análise etimolóxica ampla de "rego", ver E. Bascuas en VERBA n. 27.

REGA DA FIEIRA, A (As Grañas do Sor)
Para o termo "rega", ver "A Rega".
Por outro lado, "fieira" vén de "feo", nome de varias herbas gramíneas. Este termo reforza a idea da segunda acepción.
Portanto, o significado deste topónimo sería de "prado de feo".

REGA do AZCOITO, A (As Grañas do Sor)
Para o termo "rega", ver "A Rega".
Para o termo "Azcoito", non atopamos aínda unha interpretación nin probable nin plausible.

REGATEIRA, A (As Grañas do Sor)
Aínda que non rexistrado nos dicionarios con esta acepción, o topónimo "regateira" refire a "regata" ou conxunto de "regatas", como sinónimo de "valgada".
Os dicionarios definen "regata" como "valgada", tanto na acepción de "espazo entre dous montes" como na de "regueiro pequeno". Cf. DdD.
A etimoloxía é común coa de "rego", para o que se lle asigna unha orixe na forma prerromana *rek- (cf. E. Bascuas, "VERBA", 2000). O topónimo "regata" viría, por tanto, dunha forma *rekatta, co sufixo prerromano -atta.

REGO da MODIA, O (As Grañas do Sor)
Ver "Coto da Modia".

REGO do SAPO, O
 (Bares)

"Rego de Sapo(s)" é un topónimo frecuente en Galiza (hai un "Rego de Sapos" por exemplo nas Negradas).
Aínda que o máis probable sexa que corresponda co significado obvio, tamén é interpretado cun significado hidronímico e unha orixe prerromana, posiblemente indoeuropea (cf. aquí).

REGO dos FOXOS (Mañón)
Rego onde hai "foxos". O apelativo "foxo" vén do latín fovea. Un foxo indica unha furada, un furado grande. Moitas veces eran trampas para lobos e outras alimarias. Sendo en plural, entendemos que sería o significado de "rego das furadas".

Non se debe confundir "foxo" con "foso" ("foxo" = port. "fojo", cast. "hoyo", en canto que foso = port. "fosso", cast. "foso") .

REGOÑA, A (As Grañas do Sor)
REGOÑAS, AS (As Grañas do Sor, Mañón)
REGOÑAS DA AGUIEIRA, AS (As Grañas do Sor)
A "regoña" defínea o dicionario como "caída ou declive dun monte onde costuma haber pastos no verán ". Cf. DdD.
En canto a "aguieira", ver "AGUIEIRA".

REGOÑAL, O 
(Mañón)

Unha regoña é unha "caída ou declive dun monte onde costuma haber pastos no verán" (cf. DdD).
O composto co sufixo "-al" indicaría abundancial, aproximadamente "encostas de monte con pastos no verán".

RENDAOS (Mañón)
Posiblemente veña de "Os Randaos", "os orixinarios de Rande", lugar de Couzadoiro (Ortigueira).
Alternativamente, aínda que improbable, poderíamos interpretalo como derivado de "rendo" (ranetum), lugar onde abundan as ras.

REQUEIXO, O (As Grañas do Sor, Mañón)
O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cf. DdD), ou tamén lugar apartado, nun recanto. E. Rivas especifica que é a zona 'parte inferior do monte, ao pé do vale'. Cf. E. Rivas, "Natureza, Toponimia e fala". 2007.
No galego das Médulas (León) aínda se conserva viva esta voz, co significado de  ‘Terreo resgardado; quebra do terreo; vagoada pendente e resgardada’ (cf. aquí).

Segundo E. Bascuas (cf. VERBA, 2000), viría da forma prerromana *rek-, presente en palabras como "rego" (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo".

RESTREBÍO, O (Mañón, Mogor)
Lugar con restrebas, os couces das pallas ou canas de cereal, que quedan presos á terra despois da sega.

REVOLTA, A (As Grañas do Sor, Mañón)
REVOLTAS, AS (As Grañas do Sor)
O termo "revolta" refire unha curva, xeralmente de río (cf. DdD). Tamén tén a mesma acepción en portugués. Cf. Priberam.

RIBEIRA DE AMBOSORES, A (As Grañas do Sor)
O termo "Ambosores", tamén chamado "Emtrambosores", é xa documentado como "inter ambos Souros" en 1225, e "entre ambolos Sores" en 1305. Portanto, parece ser simplemente o que aparenta: "Entre-ambos-Sores", un lugar situado no medio dos dous Sor.
Alternativamente, E. Bascuas interprétao como derivado de *Ambas-Saure , significando "río Sor", co termo prelatino *ambas co significado de "augas", e con Saure sendo un derivado de tipo paleoeuropeo da raíz *ser-, "fluir".

RIBEIRA DO BISPO, A (As Grañas do Sor)
O termo "Bispo", do latín episcopus, pode deberse ao uso deste como alcume ou sobrenome familiar. Alternativamente, talvez indicase unha antiga pertenza á xurisdición episcopal.
É tamén preciso ter en conta que o termo "Bispo" como elemento onomástico persoal é frecuente na documentación altomedieval (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

SAN MAMEDE (As Grañas)
O nome destas leiras correspóndese co patrón da parroquia.
Mamede é a forma galega do nome dun santo ermitán orixinario da Capadocia. O culto a este santo en Galicia estendeuse na Alta Idade Media, frecuentemente como advocación de capelas situadas en lugares montañosos e afastados. 

SANGA, A (Mañón)
Aínda que non recollido nos dicionarios galegos, posiblemente "sanga" signifique "arroio pequeno", ou "pántano", o mesmo significado que no portugués.
Podería provir dun hidrónimo paleoeuropeo, a partir dun *Alesanika, sufrindo un falso corte de *"Asanga" > A Sanga, o mesmo que ocorreu co topónimo "As Anzas" (Ribadeo), atestado como Alesancia no ano 969.
Seguindo co paralelismo con "As Anzas", este topónimo "A Sanga" tería un significado relacionado con "ameneiros" ou sería simplemente un hidrónimo, tal como indica o apelativo portugués "sanga" xa mencionado.
En efecto, podería ter un significado similar ao de "As Anzas", que viría dun *Alesantya, para a que Krahe interpreta como "que abunda en ameneiros" (‘mit Erlen versehen’), e que podería estar relacionado coa raíz indoeuropea *el- 'vermello' (cf. H. Krahe, "Alteuropäische Flussnamen". 1949-1955). Moralejo interprétaa como céltica (cf. pp. 99-111 de J. Moralejo, "Topónimos célticos en Galicia", in "Palaeohispanica" 10, 2010).

Existe outros topónimos "Sanga", e.g. en Riobarba, así como "As Sangas", un terreo en encosta, no concello da Capela.
Outras acepcións son menos probables, como a relación coa "Sanga" que Plinio menciona na actual Cantabria, da que incluso parece haber dúbidas de que esa fose a transcrición correcta (se era "Sauga" ou "Sanga").

SANGUIÑAL, O (Mañón)
Indicando un sitio onde abundan os sanguiños, o arbusto cornus sanguinea, que ao lle
pelar a casca, queda con cor vermella, semellante ao sangue.

SAR, RÍO (Mogor)
SARELA, RÍO (Mogor)
Este río "Sar" é actualmente máis coñecido  como "río de Esteiro", remitindo á praia onde desemboca. 
Ademais, ten un pequeno afluente chamado "Sarela",  forma co antigo diminutivo -ela. O diminutivo  era usado para facer referencia aos afluente ou á parte alta dos ríos. Así, o Sar de Santiago ten igualmente un afluente Sarela, e máis preto, o Sor ten o Sorela, o Tambre o Tamarela, o Ulla ten o Ulloa (este xa con outro sufixo diminutivo).
É comunmente aceptado que o hidrónimo "Sar" pertence á hidronimia antigoeuropea e ten a orixe na raíz indoeuropea *ser- 'movimento, fluxo'.

O cambio de nome de "río Sar" para "río Esteiro" xa comezou hai máis dun século, pois xa figura así no Dicionario de Madoz (1845-1850) :
                   "y el Esteiro que lleva su curso por entre Loiba y Mogor".

SARTEGO, O (As Grañas do Sor)
Un "sartego" significa “sepulcro de pedra, sarcófago". Podería , por tanto, significar algo relacionado cun sepulcro antigo, ou ben metaforicamente relativo á forma ou orografía do terreo.
Por outro lado, Rivas constata na zona do Valadouro a acepción de “pedregoso, mal para el cultivo” (cf. DdD). Podería, por tanto, indicar "terreo pedregoso, malo para o cultivo", e por tanto, relacionado con "Sartán".
Aínda que máis improbable, podería, en base a acepción que recolle Aníbal Otero, de "raquitismo" (cf. DdD), apuntar para o alcume de alguén.

Hai outro "Sartego", por exemplo, no concello de Aranga, así como un lugar en Muxa (Lugo), e outros en Cerceda, Cedeira, Fene e Neda, así como un lugar "Sartegos" en Trazo (Coruña).

SEGADE (Mañón)
O nome deste lugar proviría dun antropónimo *(uilla) Sagati, forma en xenitivo de Sagatus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica, formado a partir da raíz seg- 'compañeiro' e de hathus 'loita'. Cf. p. 339, J. Piel "Os nomes germánicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI.
O nome Sagatus aparece rexistrado en 816 na "Colección Diplomática de Galicia Histórica" (cf. CODOLGA).
É importante notar que a orixe xermánica do nome non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

SEISADOS, OS (Mogor)
Probablemente referido a "terreos seisados", terreos que foron partillados en seis partes.

SENDEÑOS, OS (As Grañas do Sor)
Posiblemente de "vila dos Sendeños", e portanto sendo "Sendeño" o apelido familiar.
Por outro lado, "Sendeño" viría de Sentinius, un nome de orixe celta, rexistrado como antropónimo galo-romano (cf. aquí) e tamén etrusco-latino (cf. aquí).

SERRA FALADORA, A (As Grañas do Sor)

Posiblemente de "falar", nun sentido extenso, aludindo ao "bruído" do vento, dun xeito similar a "Monte Bufadoiro" no Vicedo, e "A Pena que Fala" en Frexulfe (Valadouro).
Hai certa discusión acerca de se o nome orixinario galego é "Faladora" ou "Faladoira", tal como se explica de seguido.
O filólogo Bernardo Penabade clarifica na Revista Ortegal que a forma oral  e real sempre foi "Faladora" e non "Faladoira", e que Faladoira probablemente se trate neste caso dun hiperenxebrismo, influído por Otero Pedraio ao mencionalo dese modo no seu libro de 1926 "Guía de Galicia".

Documentalmente, atopamos ambas as dúas formas, aínda que os documentos son relativamente modernos (1880 e posteriores):
  • Bernardo Penabade indica as referencias documentais como "Faladora" en Vaamonde Lores, 1897 " Prosas varias", e mais López Cuevillas no número 40 da Revista Nós (1927).
  • Por outro lado, figura no Dicionario de Madoz (1845-1850) como "la Faladora".
  • tamén aparece unha mención a "la Faladoira" en 1880 nun artigo de xeografía (no cal fala de "Conejera" e das illas "Loberas", co cal non parece que sexa artigo con intencións galeguizantes), así como en 1904.
  • Volvemos atopar  "la Faladora" en 1917 nun artigo que tamén menciona "Couzadoiro", e igualmente "La Faladora" en 1933 e 1944
  • Coido interesante e case determinante para esta cuestión un artigo en "El norte de Galicia", do 23/01/1906 (páx. 2), de J. M. Riguera Monteiro, que menciona topónimos da zona (co cal é de supoñer que repararía nos detalles e que coñecía a zona), indicando as versións de varios topónimos en galego e castelán (Barqueiro, Negradas, Grañas, Xistral/Gistral, Freixo. Neste artigo, en galego refírese como "A Faladora" cando o menciona en galego. 
No resto da toponimia galega non nos clarifica a cuestión, pois atopamos ambas as solucións, así o Nomenclator rexistra unha "Pena Faladora" en Faro (Viveiro) e, ao contrario, unha "A Faladoira" en Goá (Cospeito) e "Faladoria" en Xuances (Xove). 

Tendo en conta o anterior, todo apunta a que o nome orixinario sexa "A Faladora", aínda que sería preciso dispoñermos documentación máis antiga que permitise aseguralo con rotundidade.

SERRÓN, O (varios, As Grañas do Sor, Mañón)
SERRÓN DO CARBALLAL, O (As Grañas do Sor)
SERRÓN DO CASCÓN, O (As Grañas do Sor)
SERRÓN DO LOMBO, O (Mañón)
SERRÓN DO QUEIMADO, O (As Grañas do Sor)
SERRÓN DOS SENDEÑOS, O (As Grañas do Sor)
SERRÓN DOS REIS, O (As Grañas do Sor)
SERRÓS, OS (As Grañas do Sor)
Un "serrón" nestes casos é en sentido figurado, significando "montaña apuntada e larga".
No caso do "Serrón da Brúa" podería facer referencia ao son do vento na serra.

SILVARES (As Grañas do Sor)
Este topónimo probablemente  remita ao significado actual de silvar, aludindo a un lugar abundante en silvas. Con todo, aínda que improbable, tamén puido ser aplicado co significado orixinario do latín silva 'bosque, fraga', que se conservou inicialmente no romance. 

SIÓN (As Ribeiras do Sor)
O nome deste lugar proviría dun antropónimo *(uilla) Siloni, forma en xenitivo de Silo, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola").
O nome Silo sería de orixe xermánica (cf. J. Piel & D. Kremer "Hispano-gotisches Namenbuch" 1976), aínda que  algúns autores prefiren interpretalo como un nome persoal autóctono (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"),  en canto que outros prefiren derivalo dos cognomina latinos Silo, Sila e Silius (Rivas Quintas).

Os topónimos Sión e Seón atópanse tamén nos concellos de Cotobade e de Navia de Suarna, respectivamente.

SISTO, O (Mañón) 
SISTO GRANDE, O (Mañón)
SISTO PEQUENO, O (Mañón)
Os topónimos Sisto, Sistelo, Sistelín e similares derivan con moita probilidade do latín sistere ‘colocar, establecer’, e terían un significado de "corte para o gando", en relación a lugares de pasto. 

Podemos descartar a interpretación tradicional como referencia a un antropónimo, tal como o latino Sextus ou Sixtus:dada a gran frecuencia dos topónimos  "Sisto", "Sistelos",  "Sistelo", "Sistelín" é totalmente improbable que se dese tal frecuencia de lugares con nome de tal posesor para un nome "Sistus" tan pouco atestado.

Por outra banda, García Arias interpreta os asturianos "Sesto" e "Sestelo" como que "parece" posible a orixe en sextellus, relativo ao reparto de terras a sextos (cf. aquí). Desta opinión foi tamén Isidoro Millán , que indica que estes repartos ocorrerían na época sueva. Cf. I. Millán, "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987 Porén, a evolución de "sextu" para "sisto", coa palatalización do "e" en "i", sería tal anomalía na evolución do galego que semella rexeitable. 
Como curiosidade, indicar que, de ser certa a interpretación de "corte para o gado", tería un significado análogo ao asignado para o topónimos "Busto", "Bustelo".

SOARRUFANA (As Grañas do Sor)
Forma composta de "Sob-Arrufana" 'ao pé da Arrufana'. Ver "A ARRUFANA".

SOBRE do BARBO (Mañón)
Lugar situado sobre o sitio de nome "Barbo". En canto a Barbo, non parece moi probable que veña do peixe de río dese nome, senón da raíz indoeuropea *bher- "ferver, bulir, manancial", a mesma orixe que "Río Barba", no Vicedo (cf. aquí, p. 804).
Existen múltiples exemplos de topónimos probablemente relacionados coa raíz *barb- que soportan esta hipótese. Así, por exemplo, Barbos en Ortigueira,  Río das Barbelas (Cerdido, Moeche),  "fonte de Barbas" (Foz), Rego de Barbadelo (Sarria). Na prov. da Coruña,Rio Barboso (Laracha), Ponte da Barbela (A Capela), O Barbanza, Barbaín, Barbazán, As Barbelas, Prado da Barburiña; en Ourense, Barbantes, A Regada da Bárbora; en Pontevedra Río Barbeira.

SOR, RÍO
O topónimo "Sor" tén unha orixe prerromana, o mesmo que ocorre co "Sar", "Ser", etc.
Para máis detalles, ver a entrada Río Sor.

SOVISO (Bares)
Termo composto, de so-Viso, "debaixo do Viso". Ver "VISO".

SOUTO, O (varios)
Do latín saltum, orixinariamente era "paso estreito entre montañas, rexión forestal ou bosque situado nun desfiladeiro"; despois pasou as significar "bosque de castiñeiros e por veces de carballos".
A importancia da castaña na alimentación en Galiza era máxima até a introdución da pataca, talvez por iso a abundancia dos topónimos "souto" en Galiza.

SOUTULLO, O (Mañón)
Forma derivada de "souto", co sufixo diminutivo-despectivo -ullo (do latín -uculum), presente noutras voces como pedrullo (cascallo) ou cadullo (latín capituculum), así como en topónimos como "Montullo". O dicionario de Eladio Rodríguez recolle de feito "soutullo" como "souto pedregoso formado por altibajos y desigualdades".

O termo souto no galego actual (e mais en portugués) significa "bosque de castiñeiros e por veces de carballos". Ver "SOUTO" para máis detalles.

SUASMEDAS (As Grañas do Sor)
Composto por "su-as-medas" 'debaixo das medas'.  O apelativo "meda" indica unha morea de mollos de cereal segado, aínda que pode referir tamén a "mámoa" ou, en xeral, metafóricamente, a monte cónico con punta redondeada.

SUMEIRO, O (As Grañas do Sor)
SUMEIROS, OS (Mañón)
Podería derivar de "sumir" "absorber, empapar" (cf. DdD), co que indicaría un "terreo que se encharca" ou similar. A palabra "sumir" tén orixe incerta. Corominas deriva "sumir" do latín sumere, e rexeita completamente que derive de submergere, afirmando que "por razones fonéticas es imposible".

Por outro lado, hai unha acepción en portugués para "sumeiro" de "sumento, cheio de suco", ou sexa "zumento" (aínda que non a atopamos nos dicionarios clásicos). En calquer caso é dubidoso, pois sería estraña a pronuncia "sumeiro" frente á esperada de "zumeiro".
Alternativamente, do latín summarius, no sentido de "cume, outeiro, o lugar máis alto". Rivas dálle esta acepción (cf. E. Rivas, "Natureza, Toponimia e fala". 2007). No entanto, non o atopamos recollido en ningún dicionario de galego.

Sexa como for, os topónimos "Sumeiro" e "Sumeiros" son relativamente frecuentes na toponimia galega. Así, atopamos outro "Sumeiro" en Muras.

TALLO GRANDE, O (Mogor -lugar de Pumar de Vale)
Finca de pequenas dimensións (o mesmo que "lucha"). Aparte dos significados relativos a "corte", o termo tallo tamén ven no dicionario como "cuadrado de viña", ainda que ao ser neste caso unha zona de prados, non cremos que refira a esta acepción.
En portugués tamén ten o significado de "finca onde se plantan cebolas, fabas. Cf. DdD. Outra orixe podería ser dunha raíz indoeuropea *tā- 'derreterse, fluír', 'mofo', o mesmo que outros topónimos como "Tallobre" (cf. aquí).

TARAÑÓS (As Grañas do Sor)
Moi probablemente de (terreos) taraños", relacionado coa voz "tarañeira" 'terreo pobre, pedregoso, de mala calidade'.
É un termo de orixe prerromana, posiblemente relacionado cos topónimos Taranco e Tarancos, coa mesma raíz e cun sufixo -año tamén polo xeral en topónimos de orixe prerromana.
Hai quen lle asigna unha orixe céltica, talvez de *taraneum, relacionada con Taranus, unha divindade céltica dos tronos. Cf. aquí.
Existen outros moitos topónimos similares, así outro Taraños en Cedeira, Tarañeira en Guitiriz e en Xermade, etc.

TAUGA, A (Mañón)
O apelativo "tauga", aínda conservado nesta zona, é o mesmo que "táboa". Deriva do latín tabula > tabua > tagua > tauga.
Posibelmente remita a un agro chao e de forma rectangular alongada.

TEIXIDO (As Grañas do Sor)
Este topónimo alude a un lugar no que abundan as árbores chamadas "teixos (do latín taxu).

TEIXOEIRA, A (As Grañas do Sor)
Este apelativo tén dúas acepcións. A primeira, talvez máis probable, é a de lugar onde abundan ou crían os "porco teixos", "teixugos". Alternativamente, é tamén un sinónimo de teixido, lugar onde abundan as árbores chamadas teixos ('taxus baccata') (cf. DdD).

TERCIAS, AS (As Grañas do Sor, Bares, Mañón)
Posiblemente derivado dunha partilla de finca efectuada a tercias, ou o "terzo" da herdanza que as leis deixan á libre disposición do testador. Alternativamente, dun pagamento de foro consistente nas quintas partes do producido pola finca.
Rexístranse tamén en Mosende, Landrove, Muras, etc.

TESOURO, O (As Ribeiras do Sor)
Podemos interpretalo como topónimo xocoso, aludindo á riqueza da terra, ou máis ben, máis probablemente, o descubrimento (real ou lexendario) dun tesouro.
En efecto, os topónimos deste tipo foron estudados detalladamente para outras áreas peninsulares  por Gordón e Ruhstaller, concluíndo que é un claro e fiable indicador arqueolóxico. De feito, aportan unha longa listaxe de topónimos Tesoro e Tesorillo nos que se atoparon sitios arqueolóxicos (cf. M. D. Gordón e S. Ruhstaller, 1991. "Estudio léxico-semántico de los nombres de lugar onubenses" in Toponimia y arqueología, Sevilla).

Por exemplo, no caso d"O Tesouro" en Foz, hai unha mámoa na zona, polo que indica o doscobrimento, real ou lexendario, dun tesouro dentro da mámoa ou perto dela. Unha parte moi importante das mámoas de Galiza presentan un "cono de violación", foron escavadas á busca de tesouros. Neste caso, parece que o atoparon.

TOELOS, OS (Mañón)
Referido a un "lugar onde hai toelos". O dicionario define "toelo" como 'pedra que forma algunhas canteiras en comarcas galegas'.
Alternativamente, entre outras hipóteses, podería ter unha orixe hidronímica paleoeuropea, quer relacionado co topónimo "Toedo" (e en Castela "Toledo"), quer como diminutivo dunha forma *Togio, que postula E. Bascuas para topónimos similares, e derivada da raíz indoeuropea *ta- 'fluír lentamente, lama'. Cf. E. Bascuas. "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia".
Hai tamén un "O Toelo" en Burela, tamén como microtopónimo aplicado a zona de bosque.

TOPETE, O (Mañón)
Forma en diminutivo de "tope", referido a un lugar alto.
O Nomenclator rexistra en Muras unha Pena do Topete, que semella reforzar esta interpretación.

TORNO, O (As Grañas do Sor)
TORNO DO MUÍÑO, O (As Grañas do Sor)
TORNOS, OS (As Grañas do Sor, Mañón)
Os topónimos "Torno" e "Retorno" son en xeral de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga", probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

TORRE, A (Bares, Mañón)
O termo "torre" nestes topónimos non se refire estritamente a torres, senón a casas-torre, casas fidalgas ou casas grandes, de labradores ricos.

TOURAL, O (As Ribeiras do Sor)
Un "toural" é un "campo onde se fai unha feira de gado" (cf. DdD), derivado directo do latín taurale, abundancial de taurus 'touro'. Descoñecemos se este é o caso deste "Toural", aínda que semella improbable considerando o emprazamento.

Unha alternativa é unha orixe prerromana paleoeuropea, na base *taur-. De feito, E. Bascuas admite para Toural a posibilidade da orixe prerromana, aínda que tampouco rexeita totalmente a orixe no latín taurus 'touro'. Porén, en base á frecuencia de topónimos "Toural" e similares,  e tendo en conta que en Galicia xeralmente é máis frecuente o uso de "boi", considera como máis probable, por tanto, asignarlle polo xeral a Toural unha orixe prerromana. Cf. E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.

TRALO BARGO (As Grañas do Sor)
Indicando un lugar situado "tras do Bargo". Un "vargo" ou "bargo" é unha laxe ou lousa delgada, por veces usada para separar fincas.
Neste caso reflexaría, xa que logo, un lugar situado tras dun lugar chamado "Bargo" ou tras dunha finca chousada con bargos.

A orixe de "vargo" é prerromana, celta, o mesmo que en castelán várgano 'cada uno de los palos o estacas dispuestos para construir una empalizada'. No medieval "Liber Testamentorum" da Catedral de Oviedo menciónase "facere sepes et varganos", onde tamén semella indicar unha clase de valado ou palizada.

TRAS DO PERUCHO (As Grañas do Sor)
Indicando un lugar situado "detrás do terreo do Perucho". 
O antropónimo "Perucho" é un hipocorístico de "Pero" (forma antiga por "Pedro").

TROITÍN (Mañón)
De (uilla) Tructini, forma en xenitivo de Tructinus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica. En efecto, Piel indica que figura atestado Tructino no 960, derivándoo do gótico *draúhts 'exército, bando, séquito'. Cf. p. 371, J. Piel "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II.

TURLÁS, OS (Mañón)
Significado descoñecido. Talvez alcume relacionado con "terrulán" ("terco").

UZAL, O (As Ribeiras do Sor)
Lugar onde abundan as uces. Noutras zonas chámase "barcial" (de barcia) Cf. DdD.

VALGA, A (As Grañas do Sor)
O termo ten varias acepcións:
  • Sopé dun monte (Vilamaior, Guntín). 
  • En Pontevedra, un val ben marcado. Do latín vallica 'vale'. 
  • En Gorgullos, Coruña: valgada de valgar (encurvar, facer val) dun verbo *vallicare. (FrampasII) 
Neste caso trátase dunha zona de prado. Na zona rexístrase "valgueira", co significado de "valgada, pequena depresión" no terreo.

VALIÑA, A (Mañón)
Un "vale" pequeno. O nome "vale" tiña xénero feminino antigamente, de aí que neste topónimo se conserve en feminino.

VEDRO, O (As Grañas do Sor, As Ribeiras do Sor, Bares, Mañón)
VEDROS, OS (As Grañas do Sor)
O termo "vedro" é usado para referir un "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo". Derivado deste caso temos por exemplo "O Vedrón" en Cabanas (O Vicedo)
Alternativamente, de "(agros) vedros", do latín vetulum ' vello'. 
Incluso habería a posibilidade remota de derivar do latín blitum, a planta Amaranthus blitum, chamada "bredo" ou "bedro". Nótese que, neste segundo caso, vedro tería unha pronuncia con "e pechado".
Como sempre, a documentación antiga axudaría.

VENDAVAL, O (As Grañas do Sor)
Este nome podería ter o significado transparente do termo, talvez de "(lugar onde atacou moito) o vendaval".
Aínda que improbábel, tamén podería ter sido orixinado nunha forma prerromana, talvez de Vindo-Val, onde vindo tería unha orixe no celta *windo 'branco', xa que logo significando "vale/río Branco".

VIACOVA (Bares)
Composto "vía cova, que alude  a unha vía ou camiño cóncava, profunda, probablemente unha congostra que queda entre valados.

VILAMUÍN (Mañón)
Posiblemente de Uilla Munini, forma en xenitivo de *Muninus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe latina.
Este topónimo foi estudado por J. M. Piel, sen chegar a unha conclusión clara, aínda que apuntando para un antropónimo *Munius, do que proviría *Muninus (cf. J. Piel, 1984"Novissimas achegas à história da tradição antro-toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico", in "Verba" 11). Cf. aquí

VILELA (Mogor)
Diminutivo de "vila", formado co antigo sufixo -ela. Aquí o apelativo "vila" referiría a unha uilla altomedieval, unha granxa ou explotación agrícola. 
Indica, xa que logo, unha pequena explotación agrícola altomedieval.
É de notar a antigüidade deste topónimo, pois xa na Idade Media o diminutivo en -iño/-iña substituíu ao antigo en -elo/-ela. Xa que logo, este lugar está poboado desde a Alta Idade Media polo menos.
Dada a existencia dun castro en Vilela, o lugar puido ser continuación poboacioal do antigo castro.

VISO, O (Mañón)
Un "viso" designa "un sitio alto, sitio elevado, con boas vistas". Cf. DdD.

XINXEIRAS, AS (As Ribeiras do Sor)
A "xinxeira" (en portugués  ginjeira) é o nome alternativo para "guindeira", o "prunus cesarus". Cf. DdD.

XARAL, O (As Grañas do Sor)
Terras de "xabre" (terra areosa dura, xeralmente formada pola descomposición do granito).
Tampouco se pode descartar a acepción alternativa de "lugar onde abundan as xaras", a planta de nome científico cistus ladanifer.
Na comarca, existe tamén "Xuxarrido", de "Xarrido" en Bares e outros "Xaral" nas Negradas, en Landrove, etc.

XARDÍS, OS (Mañón)
Topónimo transparente. Probablemente cun senso metafórico (positivo, desiderativo ou pexorativo), pois hai moitos topónimos "xardín" localizados en sitios non apropiados para ser un xardín (e.g. cando están lonxe de lugares habitados).
Segundo Crespo Pozo, xardín tería a acepción de "horto, horta pequena" (cf. J. S. Crespo, "Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego ..". Vol II, 1979).

XIRA, A (As Grañas do Sor)
XIRAS, AS (Mogor -lugar do Vilar)
Unha xira é un terreo de labradío estreito e pequeno, posiblemente sendo "xira" no sentido de paseo. É un significado habitual de "xira" neste concello e en toda a zona.

XUDRES (Bares)
Os termos "xudre", "zudre" ou "xurro" teñen dúas acepcións: unha de "líquido que sae dos lugares de depósito, como latrinas e vertedoiros", e outra de "torrente, auga que escorre".
Xeralmente, o significado destes topónimos, non situados en zonas de poboación, corresponde ao de "auga que escorre de chuvia, torrente".

XURRIÓN, O (Mañón)
Derivado de "xurrar" ou "xurrear", brotar agua de un manancial, cano, etc. Por tanto, significaría "o lugar que xurra".
Os termos sinónimos "xurrio", "xurro", "zudre" teñen dúas acepcións: unha de "líquido que sae dos lugares de depósito, como latrinas e vertedoiros", e outra de "torrente, auga que escorre".
Xeralmente, o significado destes topónimos, non situados en zonas de poboación, correspondería co de "auga que escorre de chuvia, torrente". Aludirá probablemente a unha cale pola que escorre a auga da chuvia.

XURREIRA, A (As Grañas do Sor)
XURREIRAS, AS (As Grañas do Sor)
O topónimo "Xurreira" é frecuente en toda a zona, en lugares de prados, referido a "barrizal ", "lugar onde escorre a auga". Cf. DdD.
Os termos "surro", "zudre" ou "xurro" teñen dúas acepcións: unha de "líquido que sae dos lugares de depósito, como latrinas e vertedoiros", e outra de "torrente, auga que escorre".
Aludirá probablemente a unha cale pola que escorre a auga da chuvia.

XUXARRIDO (Bares)
De "Su-xarrido" 'debaixo do xarrido'. Un "xarrido" designa un lugar onde abunda o xarro ou xabre: unha terra areosa dura, xeralmente formada pola descomposición do granito. Cremos que esta é a acepción mais probable, sendo en Bares, pois os toponimos "Xarrido" acostuman ser en sitios de costa e praia (cf. imaxe aquí da "Insua Xarrido").
Outra acepción sería de "xarrido" como lugar onde nacen a planta chamada "xarros". No entanto, nesta zona esta planta é chamada "corno".